A Plataforma Antilindano da Louriña sintense desamparados polas institucións

Publicado por o día 05/04/2018 na sección de Galicia,O Porriño,Plataforma Anti-lindano da Louriña,Social

A Plataforma Antilindano da Louriña sintense desamparados polas institucións

Dende a Plataforma Antilidano da Louriña queremos, unha vez máis, poñer en coñecemento da opinión pública a lamentable situación de desamparo, falta de transparencia e falta de responsabilidade que estamos a vivir con relación á contaminación por lindano.

A Consellería de Medioambiente comprometeuse a presentar unhas conclusións sobre as catas tomadas na Pereira-Contrasto a finais do mes de marzo. Así o manifestaron os seus representantes na reunión mantida coa veciñanza no Concello do Porriño o 19 de febreiro. Aseguraron que xa recibiran os resultados e que os estaban a avaliar ¿Como é posible que o 15 de febreiro se emita un informe dende a Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, concretamente dende a Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, no que se fala de que a presenza de lindano nos solos supera en 100 veces ou máis os límites legalmente establecidos? Esta non é a situación que se presentou á veciñanza. Coñecendo agora o contido do informe, resulta realmente estrano que se mantivera unha reunión previa cos voceiros dos distintos grupos políticos municipais. ¿Que sentido ten facer dúas reunión para expoñer o mesmo? Ocúltasenos información.

Meses despois das primeiras análises dos pozos segue sen dotarse de traída de auga municipal a zona afectada da Pereira-Contrasto. O camino está intransitable polos buratos deixados tralas catas feitas en xaneiro, coa choiva afondáronse máis e nalgunhas pódense ver anacos de lindano.

O goberno municipal comprometeuse a constituír unha comisión de seguimento ó respecto, nunca o fixo. O único paso foi unha reunión a finais de decembro na que non estaba presente nin o Concelleiro de Mediambiente.

O mesmo goberno municipal táchanos de alarmistas, de estragar a imaxe do Porriño, de reducir o valor das fincas etc., ademais de amosar un total descoñecemento na materia e unha absoluta falta de respecto, ata o punto de facer chistes coa presenza da veciñanza na prensa. O único que pretende coa súa actuación é desacreditarnos e non asumir que o problema existe, porque facelo suporía pórse a traballar con rigor. Unha mostra máis desta descoordinación é que onte día 4 comezan, sen informar á veciñanza, unha nova toma de catas na estrada da igrexa de Torneiros.