A plataforma cidadá ‘Queremos Galego’ na comarca de Vigo chama a participar masivamente na manifestación nacional do 17 de maio

Publicado por o día 14/05/2018 na sección de Cultura,Galicia,Social,Vigo

A plataforma cidadá ‘Queremos Galego’ na comarca de Vigo chama a participar masivamente na manifestación nacional do 17 de maio

Esta mañá a plataforma cidadá Queremos Galego (QG) na comarca de Vigo fixo un chamamento a toda a poboación a participar “de xeito masivo” na manifestación que a plataforma cidadá convoca para esta cuarta feira 17 de maio. A marcha partirá as 12h desde a Alameda de Santiago de Compostela baixo o lema “En galego, día a día”. Na comparecencia pública, realizada ás 11h diante do mercado do Calvario, participaron a coordenadora de Queremos Galego en Vigo, Elsa Quintas, e mais o portavoz comarcal, Pepe Carreiro, quen estiveron acompañados por representantes de diferentes organizacións que fan parte de QG.

Elsa Quintas salientou a importancia desta convocatoria que ten por obxectivo expresar que “queremos vivir nun país onde a lingua propia estea presente en todo e para todo, sen exclusións, onde a utilización do noso idioma noso idioma non este sometido á vontade allea”. Neste sentido Quintas defende “un país no que poidamos gozar da cultura, do lecer e da vida, na mellor ferramenta que criamos para o facer: o galego”.

Pola súa banda, Pepe Carrreiro, asegurou que “lingua e futuro de Galiza camiñan da man”. “Defender o futuro da nosa lingua é defender o noso futuro como pobo”, explicou. Con todo, o debuxante amosouse esperanzado. “Temos esperanza, ilusión, vontade, compromiso para mantelo vivo, para superarmos todos os atracos, para podermos vivir en galego, sen límites”. Baixo esa perspectiva a mobilización do 17 procura tamén exixir á Xunta que cumpra coa súa obriga de promover e normalizar o uso do galego, e denunciar o incumprimento da Lei de normalización lingüística, que vén de cumprir tres décadas da súa aprobación.

Desde a comarca de Vigo fletaranse autobuses para desprazarse até Compostela. Para solicitar praza nos mesmos facilítase o teléfono 986 82 79 00 e os locais do sindicato CIG. Toda a información está dispoñíbel no sitio web www.queremosgalego.gal