A poboación activa segue en caída libre en Galiza, sobre todo entre os menores de 40 anos

Os datos da EPA do último trimestre de 2018 amosan a perda de 4800 activos/as na mocidade
Publicado por o día 29/01/2019 na sección de Emprego

A poboación activa segue en caída libre en Galiza, sobre todo entre os menores de 40 anos

Nin con creación nin con destrución de emprego se frea a sangría de perda de poboación activa en Galiza. O ano pasado, que segundo a EPA rematou con 24.900 persoas ocupadas máis de media, a perda de activos acadou as 4800 persoas; co agravante de que é entre a poboación máis nova onde se reduce, aumentando entre os maiores de 40 anos, o que está a provocar un novo envellecemento do mercado laboral.

Entre os factores que estarían detrás desta perdoa de poboación activa atópanse a emigración da mocidade e esmorecemento dun sector industrial que está a deixar paso á terciarización da economía galega, o que afonda no empobrecemento da poboación. Segundo a propia Axencia Tributaria, son as actividades de menores salarios medios onde máis medra a ocupación, algo que coincide cos datos facilitados pola EPA. 

De feito, todo o emprego que se creou en Galiza durante 2018 foi no sector servizos, manténdose na construción e destruíndose especialmente no sector primario; pero tamén na industria, onde desapareceron 2200 postos de traballo o ano pasado.

Esta perda de poboación activa a que está a amortiguar a taxa de paro, xa que no último ano o descenso da poboación parada foi superior ao medre da poboación ocupada, precisamente polo perda de activos/as; a taxa de paro descendeu 2,4 puntos, situándose no 13,3% da poboación activa.

Ademais, o número de fogares galegos con todos as persoas activas no paro situouse en 59.200 en 2018 (67.500 en 2017), o que evidencia o imparábel proceso de empobrecemento da clase traballadora do noso país.

Empobrecemento e emigración

Segundo denuncia o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Fran Cartelle, estes datos amosan que as políticas laborais que está aplicar o PSOE, e que son unha continuación das do PP, non fan máis que afondar no empobrecemento da clase traballadora e condenan a mocidade á emigración.

“Estas políticas provocan que o emprego de calidade se estea a transformar en emprego precario, tal e como amosa a enorme terciarización da economía que se está a producir, e provocan que ao envellecemento da poboación galega se lle sume a marcha mocidade, o que supón unha sangría para a poboación activa do noso país”, sinala Cartelle.

Por todo isto, reitera a “urxente necesidade” de lograr a derrogación das contrarreformas laborais “que unicamente crean emprego lixo e afondan no empobrecemento e na exclusión social da clase traballadora”.

Principais resultados (datos en miles):