A Policía Autonómica investiga a dúas persoas por un presunto delito de furtivismo en Pontevedra

Os axentes interceptaron un vehículo, no que comisaron algo máis de 56 quilos de ameixa
Publicado por o día 07/10/2019 na sección de Galicia,Pontevedra,Sucesos

A Policía Autonómica investiga a dúas persoas por un presunto delito de furtivismo en Pontevedra

Axentes da Policía Autonómica da sede provincial de Pontevedra iniciaron dilixencias para tomar declaración en calidade de investigados non detidos a dous varóns como presuntos autores dun delito contra a flora e a fauna.

O pasado 2 de outubro os axentes interceptaron na Avenida de Marín, en Pontevedra, a dous varóns que circulaban nun vehículo e que identificaron como dous furtivos reincidentes da zona. Ante a intervención dos axentes, os investigados lanzaron un saco de rede e un capacho á zona baixo a pasarela por onde pasa a estrada.


Logo de facer as comprobacións, detectouse que os investigados transportaban algo máis de 56 quilos de ameixa. Os axentes solicitaron tamén a presenza dos gardapescas da Confraría de Pescadores de San Andrés de Lourizán a quen fixeron entrega do marisco comisado.

Os dous varóns investigados xa foran interceptados este verán, no peirao de Corbaceiras, cando transportaban ameixa extraída de forma ilegal. Nese momento, comisáronselles diversos útiles (traxe de neopreno, equipo de respiración…), unha embarcación pneumática co seu motor fóraborda e máis de 53 quilos de ameixa.

Ante estas circunstancias, e motivado pola reincidencia na práctica furtiva e que carecen de permiso ou autorización (PERMEX), iniciáronse as dilixencias, procedendo a citar aos dous varóns para ser oídos en declaración como investigados non detidos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.