A Policía Autonómica protexeu máis de 1.600 vítimas de violencia de xénero desde 2016

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou hoxe no Parlamento galego que se establece un plan de actuación personalizado para cada caso
Publicado por o día 26/06/2019 na sección de Sucesos,Xunta de Galicia

A Policía Autonómica protexeu máis de 1.600 vítimas de violencia de xénero desde 2016

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o importante labor que leva a cabo a Policía Autonómica na protección das mulleres vítimas de violencia de xénero. Desde outubro de 2016, cando se puxeron en marcha as unidades especializadas, ten prestado protección a máis de 1.600 vítimas. Cabe destacar que actualmente existen 12 policías autonómicos dedicados exclusivamente ás vítimas.

Nunha intervención no Parlamento galego, o vicepresidente da Xunta realizou un balance das actuacións realizadas polos axentes nesta materia ata o de agora. Durante estes menos de tres anos, os axentes detiveron a un total de 86 persoas por delitos relacionados coa violencia de xénero, fixéronse máis de 13.000 contactos coas vítimas, atendéronse máis de 4.600 chamadas, levaron a cabo máis de 86.000 controis na contorna das vítimas e do agresor, elaboraron uns 4.600 informes de avaliación de risco, expedíronse case 5.000 notificacións aos xulgados e fiscalía, e realizaron case 2.900 identificacións.

O traballo destes grupos de atención especializada comeza non momento en que se cursa unha denuncia e se solicita unha orde de protección. Os axentes entrevístanse coa vítima para coñecer o seu día a día, identificar situacións de risco e planificar un plan de actuación personalizado, tendo en conta o nivel de risco. Ademais, colabórase cos servizos sociais, xulgados e fiscalía co obxectivo de prestar unha actuación coordinada e integral.

A día de hoxe, os axentes da Policía Autonómica están prestando protección a un total de 264 mulleres no territorio galego.

Detención en Ourense

Os axentes do grupo de VIOXEN da Policía Autonómica de Ourense detiveron esta semana un varón de 29 anos por quebrantar unha medida xudicial que lle prohibía comunicarse e aproximarse a súa ex parella, da cal tiña unha orde da afastamento.

Os axentes recibiron aviso de que o detido estaba discutindo coa vítima nun portal do edificio da muller. A patrulla desprazouse ata o lugar e, unha vez comprobada a súa identidade, procederon á súa detención e trasladárono ás dependencias da Comisaría da Policía Nacional de Ourense, onde se instruíron as dilixencias correspondentes e puxeron ao detido a disposición do Xulgado de instrución nº 3 de Ourense. O detido xa fora condenado en dúas ocasións por un delito de quebrantamento.