A Policía Autonómica tramitou 52 denuncias nos controis de medidas ante a covid-19 en Galicia

Leváronse a cabo 111 dispositivos con 355 persoas identificadas no marco do plan de actuacións específicas destinadas a evitar a propagación da covid-19
Publicado por o día 25/01/2021 na sección de Sucesos

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo a pasada fin de semana un total de 111 dispositivos en 37 concellos galegos , no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19, nos que foron tramitadas un total de 52 denuncias.

Ao abeiro destes controis, os axentes realizaron entre o 22 e o 24 de xaneiro na provincia de A Coruña 34 dispositivos nos concellos de Ames, Arteixo, Boiro, A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Santiago de Compostela, Teo e Vedra, cun total de 29 denuncias e 30 identificacións

Na provincia de Lugo, tramitáronse 7 sancións e identificáronse 12 persoas en 20 dispositivos levados a cabo nos concellos de Barreiros, Burela Castroverde, Lugo, Meira, Monforte de Lemos, Pol, Quiroga, Ribadeo, Vilalba e Viveiro.

En canto aos controis levados a cabo pola Policía Autonómica na provincia de Ourense, realizáronse 28 operativos nos municipios que deron como resultado case un cento de identificacións e 6 denuncias en Barbadás, O Carballiño, Lobios, Ourense, Porqueira, Taboadela, Verín e Xinzo de Limia.

E na provincia de Pontevedra, nos 29 dispositivos en Bueu, Lalín, Meis, Moraña, Nigrán, Poio, Pontevedra e Vigo rexistráronse 10 denuncias e houbo 214 persoas identificadas.

Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.

Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.