A Policía Local mosense defende o seu honor ante as manifestacións do BNG sobre un novo proceso de selección

Explican que xa se cubriron 4 prazas mediante procedementos impecables, sen ningún tipo de irregularidade
Publicado por o día 17/01/2019 na sección de Galicia,Mos

A Policía Local mosense defende o seu honor ante as manifestacións do BNG sobre un novo proceso de selección

A Policía Local de Mos, representada polo seu Xefe, Gerardo Álvarez, aclara públicamente a verdade sobre as declaracións do BNG no seu comunicado de prensa, respecto da convocatoria de dúas prazas de policía local no municipio mosense.

O Xefe da Policía Local de Mos aclarou en primeiro lugar que a adhesión ao Convenio coa Axencia Galega de Seguridade Pública é voluntario e dende a Policía Local consideraron mellor (tal e como llo recomendaron e solicitaron á Alcaldía) realizar o proceso de selección directamente dende o Concello por dous motivos: o trámite é moito máis rápido e o gasto económico é o mesmo, xa que custa o mesmo o pago ao tribunal de selección que as taxas da Axencia Galega de Seguridade.

Álvarez lamenta que “dende o BNG dean por feito que aquí facemos mal as cousas, cando nunca houbo ningún problema cun ningún proceso de selección e xa se cubriron 4 prazas de policía local mediante procedementos impecables, sen ningún tipo de irregularidade”.

O proceso de selección dos dous axentes realizarase por parte dun tribunal totalmente transparente e será un procedemento supervisado en todo momento pola Polícía Local de Mos.

Insisten dende a Policía Local de Mos en que os nacionalistas mosenses en ningún momento iniciaron a proposta nin lle suxeriron á alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, o seu interese en asinar o convenio por catro anos coa Axencia Galega de Seguridade; sendo a realizada nos medios de comunicación a primeira manifestación realizada polo BNG a este respecto.

Pola súa banda Arévalo, rexedora local mosense, considera “moi pouco ético por parte dos nacionalistas que empreguen agora este tema como arma política, sacándoo en prensa e poñendo en entredito aos funcionarios municipais con insinuacións de gran gravidade”. “De novo hai políticos que caen na tentación de facer política a costa dos traballadores municipais, cuestionándoos e perxudicándoos”, declara a alcaldesa.

Por último dende o Corpo de Seguridade Local de Mos puntualizan que non todos os concellos se adhiren ao Convenio coa Axencia Galega senón que, sen ir máis lonxe, o Concello de Pontevedra, no que goberna o BNG, tampouco se adheriu.