A ponte do Burgo manterase pechada ao tráfico peonil até outubro

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez explicou que se pechou o taboleiro para poder imprimir rapidez á colocación da lousa de pedra.
Publicado por o día 27/08/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

A ponte do Burgo manterase pechada ao tráfico peonil até outubro

O Concello de Pontevedra manterá pechada a ponte do Burgo ao tráfico peonil até o mes de outubro para axilizar a obra (de máis de 2,5 millóns de euros) e poder certificala o vindeiro mes de febreiro, segundo explicou esta mañá o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez.

A reforma da Ponte do Burgo é unha obra financiada polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) que terá que estar xustificada -e concluída- o vindeiro mes de febreiro. A Concellaría de Obras e os servizos técnicos municipais, acordaron pechar o taboleiro da ponte ao tráfico peonil por dous motivos: por seguridade, xa que non dispón de varandas que houbo que retirar para colocar as lousas de pedra da ponte, e tamén para imprimir ritmo á obra de tal xeito que se poida certificar no prazo que esixen los fondos europeos.

O concelleiro Demetrio Gómez explicou esta mañá que o Concello é consciente dos inconvenientes que supón que a ponte estea pechada, especialmente para os veciños e veciñas de ambas beiras, e pediu desculpas por esta medida, pero tamén aclarou que non se pode volver atrás.

A previsión municipal é manter o peche até mediados do mes de outubro cando estaría previsto poder abrir a ponte. De todos os xeitos, Demetrio Gómez xa adiantou que se as obras continúan a bo ritmo poderase abrir antes.