A popular baixada de carros de bolas de Camos celébrase este fin de semana na rúa San Roque con máis de medio cento de carrilanas inscritas

O campionato arranca o sábado co primeiro descenso nocturno de Galicia de carrilanas a modo de adestramento, o domingo será a propia competición durante toda a mañá
Publicado por o día 07/08/2019 na sección de Galicia,Nigrán

A popular baixada de carros de bolas de Camos celébrase este fin de semana na rúa San Roque con máis de medio cento de carrilanas inscritas

Concello de Nigrán e a Asociación Eixo Tolo celebran este fin de semana a ‘XIII Baixada de Carros de Bolas’ na rúa San Roque de Camos con máis de medio cento de carrilanas participantes (a inscrición permanece aberta no teléfono 648023014 e ata o mesmo sábado antes das 18:00 presentándose no Torreiro de Camos). Carros neumáticos, de rodamentos e correpasillos para nenos participarán na triple competición que terá lugar o sábado dende as 21:00 horas a modo de adestramento (sendo así a primeira baixada nocturna de Galicia) e que vivirá o domingo a competición oficial durante toda a mañá (de 10:00 a 14:00 aproximadamente). Na noite do sábado celebrarase ademais un concerto rock a cargo de Eixo Tolo.

Por unha banda, celebrarase a Copa Galicia-Copa Norte e Copa Galicia-Portugal con 20 vehículos neumáticos inscritos a día de hoxe e no que se puntúa a velocidade. Por outra banda, celebrase o ‘Campionato Concello de Nigrán-Eixo Tolo’ no que participarán 25 carros de bolas (cuxas rodas son rodamentos mecánicos) e no que se premia ao máis elaborado (Eixo Tolo destina 500 €), o máis rudimentario, e á cabriola máis espectacular (ambos con cadanseu trofeo). Ademais, como novidade, celebrarase o sábado ás 18:00

horas unha carreira de correpasillos para nenos no espazo do Torreiro. Tódolos menores de idade deberán traer autorización asinada dos pais ou titores con copia do DNI de ambos, ademais, a inscrición ten un custe de 6 € que inclúe o seguro.

Como xa é tradición, nesta décimoterceira edición o percorrido arranca no Torreiro de Festas de San Roque e remata pouco antes do Pazo da Touza, sendo unha lonxitude de 1km e un desnivel do 60% con grandes curvas, polo que ofrece cada ano imaxes espectaculares ao superar os vehículos os 70 km/h e sorprender sempre a orixinalidade dalgún dos carros de bolas. Neste escenario realizaranse varias mangas nas modalidades individual e colectiva.

Esta proba de carrilanas en Camos foi recuperada hai catro anos por Gerardo Ferreira, participante dende a súa orixe e impulsor dende a Asociación Eixo Tolo.