A porcentaxe de participación na OPE para a categoría de grupo auxiliar da función administrativa do Sergas supera o 65,13%

Presentáronse 5.918 opositores dos 9.087 que estaban admitidos
Publicado por o día 07/04/2019 na sección de Sanidad

A porcentaxe de participación na OPE para a categoría de grupo auxiliar da función administrativa do Sergas supera o 65,13%

Un total de 5.918 aspirantes acudiron esta tarde ao Recinto da Feira Internacional de Galicia (Silleda-Pontevedra) para realizar os exames do concurso oposición correspondentes á categoría de grupo auxiliar da función administrativa nas quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral. O número de persoas que estaban admitidos nesta quenda eran un total de 9.087; o que supón unha participación do 65,13%.

Neste proceso selectivo ofértanse 209 prazas ofertadas, 93 corresponden á quenda de acceso libre, 105 á de promoción interna e 11 á de discapacidade..

Cómpre destacar que dos máis de 9.000 admitidos, o 17,56% teñen actualmente vínculo activo co Sergas, o 1,20% proveñen de fóra de Galicia, o 40,99% teñen menos de 40 anos e o 80,39% do total de convocados son mulleres.

Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzáronse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame.