A práctica totalidade do persoal de Leche Celta secunda a primeira xornada de folga na planta de Meira

Os/as traballadores esixen melloras salariais e sociais
Por o 12/03/2018 | Sección: CIG,Protestas,Sindicatos
A práctica totalidade do persoal de Leche Celta secunda a primeira xornada de folga na planta de Meira

A práctica totalidade das traballadoras e dos traballadores da planta de Leche Celta en Meira están secundando este luns a primeira das tres xornadas de folga convocadas para esixir melloras salariais e sociais que permitan equiparar as súas condicións coas que xa teñen os compañeiros e compañeiras doutras factorías da empresa.

O persoal está secundando un paro laboral de catro horas, que se desenvolve entre as 12 e as 16 horas, que mantén a actividade da factoría totalmente paralizada. Para dar máis visibilidade ao conflito, durante estas catro horas manteñen unha concentración na entrada da factoría, onde tamén montaron un par de carpas e despregaron unha faixa en demanda dun convenio digno.

Neste senso, o secretario da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, explica que existen importantes diferenzas nas condicións que o persoal de Meira ten con respecto ás que teñen os traballadores e traballadoras das plantas de Leche Celta en Pontedeume, Avila ou Santander, onde contan con acordos de empresa propios.

A empresa dilata a negociación

Para corrixir esta situación, o comité de Meira comezou negociacións coa empresa, hai xa dous anos, “pero comprobamos que a intención da dirección era manter estas diferenzas e alongar a concreción de propostas que poidan facer viábel un acordo. Comprometeuse a asumir algún acordo en materia económica, pero en todo momento se negou a negociar ningunha outra das reivindicacións”.

Así, engade, foi na última xuntanza, celebrada a pasada semana e coa folga xa convocada, “cando a empresa aceptou falar da proposta presentada polos traballadores/as. E aínda así non demostrou ter particular interese nin présa por resolver o conflito”, critica López Carmona. A este respecto aclarou que Leche Celta formula manter salarios inferiores á factoría de Pontedeume de entre o 6% e o 12% do salario total anual de cada traballador/a, “algo polo que o persoal de Meira non asinará un falso acordo de melloras”.

O responsábel da FGAMT-CIG de Lugo subliña que a negativa da empresa a mellorar as condicións económicas dos seus traballadores e traballadoras contrasta cos recoñecementos acadados por Leche Celta pola calidade no seu traballo para Mercadona, ao tempo que, “no último ano, se elevaron os custes do persoal de alta dirección en Meira nun 9%”.  Unha situación que cualifica de “insólita e insolidaria”.

Así mesmo, destaca que na planta de Meira existe unha alta rotación do persoal “debido á falta de expectativas que existen a nivel laboral polas condicións salariais principalmente. Con esta loita iníciase o camiño para tratar de reverter esta situación”.

Novas xornadas de folga os días 19 e 20 de marzo

A convocatoria de folga inclúe dúas novas xornadas a desenvolver os días 19 e 20 de marzo, no mesmo horario. E xa advirten que, partires da segunda semana de folga, incrementarase a presión se a empresa persiste na súa actitude.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.