A praza de abastos de Mondariz acolle a mostra da Deputación “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”

A exposición, promovida pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, poderá visitarse ata o vindeiro 1 de outubro
Publicado por o día 12/09/2018 na sección de Galicia,Mondariz

A praza de abastos de Mondariz acolle a mostra da Deputación “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”

Coa presenza da deputada Digna Rivas, e do alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes, a praza de Abastos da vila foi escenario da inauguración da exposición da Deputación de Pontevedra “Sustentabilidade en Feminino: Achegas das Mulleres á sustentabilidade do mar”, que as persoas interesadas en coñecer a participación e o papel da muller no mundo do mar poderán visitar ata o próximo 1 de outubro.

“Sustentabilidade en feminino” chega á vila do Condado tras o seu paso polo Museo do Mar da Guarda, o Campus de Ourense, o Campus de Vigo e o de Pontevedra. De feito, foi neste último Campus da Universidade viguesa e da man da directora do proxecto, María Álvarez Lires, onde xurdiu a idea de impulsar unha exposición para visibilizar o papel da muller e a súa contribución na economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo.

A mostra está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía Aida Fernández. “Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar nas aulas o invisibilizado saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre as e os futuros profesionais e científicos.

A exposición, que pode ser visitada polo público xeral, estará aberta de luns a venres de 9 a 14 h.