A presidenta denuncia que a comarca de Vigo ten como principal partida “o gran negocio” que hai tralos pagos ao consorcio empresarial propietario do hospital Álvaro Cunqueiro

A Xunta investirá na provincia de Pontevedra menos que o Goberno do Estado: “Onde está o maior investimento público da historia anunciado por Feijoo?”

A principal partida que a Xunta de Galicia reserva para a comarca de Vigo nos Orzamentos 2021 está destinada ao pago do canon do hospital privado Álvaro Cunqueiro, que xa custa 65,3 millóns de euros ao ano, destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva. “E quedan por pagar 560 millóns de euros para a concesionaria dese hospital privado”. Unha obra inicialmente valorada en 330 millóns, lembrou. “Cartos públicos para financiar o gran negocio dun consorcio privado”. O resto son actuacións xa comprometidas e que avanzan con atraso. Deste xeito avaliou Silva o investimento previsto polas Contas autonómicas para o próximo ano na comarca e a cidade de Vigo. Unhas cifras insuficientes que palidecen diante do apoio dos Orzamentos do Estado e da propia Deputación de Pontevedra.

Na mesma liña botou en falta investimentos destacables para apuntalar aos concellos de todo o sur da provincia, agrupados nas comarcas do Val Miñor, O Baixo Miño, Louriña, O Condado e Paradanta. “Son os grandes esquecidos nestes Orzamentos”, lamentou.

A presidenta da Deputación de Pontevedra cualificou os Orzamentos 2021 para Galicia como “unha labazada na cara dos concellos”. “Unhas contas que se ceban con eles, porque a Xunta non cre no seu poder transformador”. “O presidente da Xunta tenlle “inquina” aos concellos porque non goberna nas cidades, nin tampouco noutros moitos municipios, así que reduciu a colaboración co municipalismo a mínimos históricos”. A presidenta concluíu que o Orzamentos reflicten “un castigo especialmente cruel para os concellos máis pequenos do rural, onde só se atende aos PP, e non a todos”.

Silva denunciou a conxelación do Fondo de Cooperación Local, que queda varado novamente en 127 millóns de euros, dos que 112 son os que realmente se transfiren aos concellos en función de criterios regrados (Fondo de Cooperación Local base). Exactamente a mesma cifra que o ano pasado. En cifras relativas, tendo en conta o crecemento global dos Orzamentos 2021, o descenso é dun 6,4%. O fondo, denunciou, está a piques de baixar do 2% sobre a recadación tributaria da Xunta. “Como pode ser que só haxa 127 millóns de euros regrados para que os concellos, que son os que están na primeira liña, atendan as consecuencias da pandemia de covid?”, preguntouse. “É un auténtico escándalo que a Xunta decidira abandonar aos concellos e ás súas veciñas e veciños á súa sorte”. A este respecto, lembrou que a Deputación de Pontevedra transfire preto do 34% dos seus recursos totais aos concellos, o que a converte en líder en España en colaboración co mundo local. “A Xunta prefire seguir traballando con criterios clientelares, amiguistas e partidistas”, rematou.

Carmela Silva definiu a estas Contas 2021 como “o día da marmota presupostaria, pois esta Xunta tráenos os mesmos orzamentos repetidos ano tras ano para a provincia”. “Vendo os Orzamentos comprobamos que os investimentos son idénticos aos de 2020, 2019, 2018, 2017, 2016 e máis atrás; así que xa podemos anticipar como van a ser Orzamentos de 2022 e anos sucesivos, porque seguirán coas mesmas partidas sen executar”. A provincia de Pontevedra, rexeitou, repite como a que menor gasto por habitante recibe, como xa sucedera o ano pasado. Un total de 3.200 euros por habitante, moi lonxe de Lugo, con 4.704 e Ourense con 4.461 e tamén por detrás de A Coruña. “E iso que Feijoo di que somos o motor económico de Galicia”. Con todo, o resumo da presidenta da Deputación é que a Xunta non entendeu que estamos diante dun cambio de paradigma no investimento público. “Non hai rastro da Axenda 2030 nestas Contas para unha Galicia que se afasta da Axenda Europea”. Hai unha carencia absoluta, remarcou de axenda verde e aposta pola dixitalización nestas contas. Por contra, engadiu, “os Orzamentos demostran unha aposta clara polo despoboamento do rural do Goberno Feijoo”.

Carmela Silva concluíu, despois de sumar as partidas nominais correspondentes á provincia de Pontevedra que o investimento autonómico estará en torno aos 180 millóns de euros, unha cifra moi por debaixo dos 211,1 millóns de euros previstos nos Orzamentos Xerais do Estado que o PP criticou con dureza. Preguntouse onde están, por tanto, “o maior investimento público” anunciado por Feijoo ou “o triplo de investimentos que os previstos polo Estado” anunciados polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.

A maiores fixo unha valoración crítica sobre a perda de peso da Sanidade e a Educación nestes Orzamentos Xerais da Xunta. Así explicou que as Contas soben un 13,5% mentres o gasto en Sanidade só sobe un 12,3% (ou sexa 1,6% por cento por debaixo da media) e a Educación só sobe un 6,6% (máis dun 50% por debaixo da media dos Orzamentos). Así as cousas o déficit de persoal na Sanidade, especialmente na Atención Primaria, continuará. “Tras perder 142.000 traballadores con Feijoo agora preséntase a incorporación de 96.500, e iso a pesar de estar en plena pandemia”, recalcou.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario