A presión do persoal do sector dos elaborados do mar obriga a patronal a retomar as negociacións

A xuntanza para renovar o convenio estatal terá lugar este sábado en Vigo ás 12:00 horas
Publicado por o día 08/11/2018 na sección de CIG,Protestas,Sindicatos

A presión do persoal do sector dos elaborados do mar obriga a patronal a retomar as negociacións

A intensa presión exercida polo persoal do sector de produtos elaborados do mar, con tres exitosas xornadas de folga e numerosas asembleas -como a celebrada este luns na empresa Cabomar- obriga unha vez máis a patronal a retomar as negociacións dun novo convenio colectivo estatal que mellore as súas condicións laborais. A xuntanza, organizada polo Consello Galego de Relacións Laborais e que chega tras a aprobación onte no Parlamento dunha proposición non de lei na que se insta a Xunta a interceder en favor das traballadoras/es, terá lugar este sábado en Vigo a partir das 12:00 horas.

Segundo explican dende a CIG, esta reunión supón retomar unhas negociacións rotas como consecuencia da intransixencia de Conxemar ante as demandas das empregadas/os do sector, unha patronal que non dubidou en botar man da represión para tentar boicotear a folga.

Os representantes da federación acudirán á xuntanza, tal e como explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, xa que “tarde ou cedo a patronal tiña que sentar a negociar, pero as traballadoras/es non son man de obra barata e o empresariado debe rectificar a súa actitude”.

Mediación da Xunta

Ao mesmo tempo, dende a central agardan que a Xunta medie no conflito “pero que non manteña unha posición equidistante” ao entender que “a Administración ten que exercer presión política sobre unha patronal inmobilista que tenta someter as traballadoras/es a unhas condicións de traballo durísimas”.

Finalmente, insisten en que continuarán a pelexar por un convenio digno, “custe o que custe”, e adiantan que na reunión para volver poñer enriba da mesa a xornada laboral (tempo de bocadillo), a cuestión das licenzas e permisos, o control das ETT, a fraude na contratación e o aumento de salario. “Estas mulleres fixeron folga para mellorar as súas condicións de traballo, ter medidas de igualdade reais e que poida entrar un salario digno nas súas casas; que ninguén pense que isto se vai solucionar ofrecéndolles migallas”, sostén Aboi.

Comentar noticia

Your email address will not be published.