A primeira ruta cultural deste curso será por Baños de Molgas

A cita será o sábado 20 de outubro

A programación de rutas culturais do curso 2018/2019, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, arranca o sábado 20 de outubro cun percorrido por Baños de Molgas, en Ourense, no que se mesturará historia e saúde. Aínda que especialmente dirixidas á participación da comunidade universitaria, estas andainas universitarias están abertas á cidadanía.

Cunha dificultade baixa e unha distancia de 16 quilómetros, o percorrido inclúe paradas interpretativas para coñecer o patrimonio do municipio, como o castro de Acea e a capela de Santa Eufemia. Ao remate do traxecto, as e os participantes terán a oportunidade de coñecer o Balneario de Baños de Molgas, sorteándose varios tratamentos termais nel. “Como é a primeira das andainas deste curso escollemos unha ruta sen dificultade para que a xente empece a poñerse en forma pouco a pouco. Trátase de ir de menos a máis a medida que vaiamos facendo rutas”, explica José García-Calvo, Willy, coordinador das andainas universitarias desde o campus de Ourense. Sobre o que agarda ás e aos participantes nesta primeira actividade, García-Calvo subliña como “é unha ruta que sorprende, que chama a atención. O percorrido está moi coidado e limpo e é moi bonito, con camiños antigos, bosques de castaños e carballos e o paso do río Arnoia”.

Inscrición

A  inscrición, que se realiza por Internet, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada andaina pode inscribirse calquera persoa interesada. O prezo varía en función do tipo de usuario ou usuaria, oscilando entre os 8 euros co Abono Muver ata os 20 euros para persoas externas á comunidade universitaria. Existe tamén a posibilidade de adquirir bonos de 5 rutas a un prezo máis reducido aínda que estas persoas deberán inscribirse igualmente nas diferentes rutas ás que queiran asistir para confirmar a súa praza. Haberá autobuses para trasladar as persoas participantes ao inicio de cada ruta dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración ao alumnado universitario.

As persoas participantes levarán a súa comida (bocadillos, froita, froitos secos, bebidas, etc.) e desde a organización sinalan que o equipo aconsellable para este tipo de rutas debe estar formado por mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa (outros calcetíns), navalla, cantimplora ou similar e, a partir do mes de marzo, viseira ou gorra.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM