A profesora e autora catalana experta en biografías Anna Caballé estará mañá mércores 29 en Pontevedra (Café Moderno 20 horas) para desmontar os mitos sobre Concepción Arenal da man dos departamentos de Patrimonio e Igualdade da Deputación e do Ateneo de Pontevedra. A biógrafa falará da que foi unha das intelectuais máis brillantes do século XIX en Galiza e en todo o Estado español, pioneira do feminismo e autora dun grande patrimonio escrito, con obras importantes na defensa dos máis desvalidos e oprimidos: mulleres, presos e pobres.
O relatorio de Caballé ten como título ‘Concepción Arenal, a lei do ben’, e está baseado na biografía que lle valeu a concesión do premio Nacional de Historia 2019 (‘Concepción Arenal. La caminante y su sombra’) “por reunir todos os requisitos de excelencia nunha obra de historia: novidade historiográfica e metodolóxica, pluralidade de fontes e un plantexamento científico e rigoroso sobre un personaxe aínda non suficientemente coñecido”. Nela reconstrúe por primeira vez traxectoria vital de Concepción Arenal, as súas aspiracións, os seus acertos e as súas contradicións.
Anna Caballé aproveitará, así mesmo, a súa estadía en Pontevedra para consultar no Arquivo provincial da Deputación documentación relativa á autora. Hai que lembrar que Concepción Arenal viviu en Pontevedra ao final da súa vida, cando era maior e doente, e chegou a ser unha figura fundamental arredor da que se organizaron faladoiros de ilustres homes pontevedreses que, a diferencia doutros na mesma época, si daban protagonismo a unha voz feminina pola súa ampla experiencia.
Traxectoria
Anna Caballé doutorouse na Universidade de Barcelona coa tese ‘A literatura autobiográfica en España (1939-1975)’, pola que gañou o Premio Extraordinario de Doutoramento.¿ Profesora titular de Literatura española da Universidade de Barcelona, é responsable da Unidade de Estudos Biográficos, e foi editora de revista ‘Memoria, Revista de Estudos Biográficos’ entre 1996 e 2007 e profesora visitante das universidades Wszechnica Polska (Varsovia), University of Virginia (Estados Unidos) e Pontificia Universidade do Rio Grande do Sul ( PUCRS, Brasil).’ Desde 2017 é presidenta da asociación sobre xénero e cultura Clásicas e Modernas.
Entre outras obras editou e dirixiu a colección ‘A vida escrita polas mulleres’, obra en catro volumes; ‘O feminismo en España’; ‘Carmen Laforet. Unha muller en fuga’ en colaboración con Israel Rolón; ‘O bolso de Ana Karenina’ ou ‘Francisco Umbral. O frío dunha vida’, entre outras.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.