A profesora Rosa Alonso presenta un libro sobre a aprendizaxe dunha segunda lingua “dende a perspectiva do uso”

A docente fai fincapé na importancia de comprender a contorna sociocultural na que se aprende ese idioma
Publicado por o día 14/05/2018 na sección de Cultura,Universidade de Vigo

A profesora Rosa Alonso presenta un libro sobre a aprendizaxe dunha segunda lingua “dende a perspectiva do uso”

Existe a crenza popular de que o mellor modo de aprender unha lingua é tendo a necesidade de comunicarse nela, pero detrás desta afirmación existen multitude de estudos científicos. Con todo, segundo a profesora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá Rosa Alonso, “a pesar da importancia da expresión oral, non había ningunha publicación actual que tratase o tema dende a perspectiva da lingüística baseada no uso”. De aí xurdiu o libro Speaking in a second language, editado por John Benjamins, editorial de gran renome no eido da filoloxía e coordinado pola docente da Universidade da Vigo. Alonso remarca que a adquisición da competencia oral é “unha das destrezas máis complexas dunha lingua” pero o xeito de aprender a usar un idioma é usándoo, “a lingua é acción”. Así, lembra que o propósito principal de falar é a interacción social, “aprendemos a falar para interactuar cos demais e, dende esta premisa facía falta un libro que incidise neses aspectos”.

A publicación inclúe dez capítulos “escritos por profesionais de recoñecido prestixio internacional nos que se abordan aspectos como a necesidade de aprender a xesticular, a mellora da pronunciación, a adquisición da destreza oral ou a importancia de comprender a contorna sociocultural na que se aprende esa lingua”. A propia Rosa Alonso asina un dos dez capítulos que conforman o libro, unha compilación na que recolle as que considera as principais ideas do volume. Entre elas destaca, por exemplo, a necesidade de facer investigacións que analicen máis dunha lingua, xa que “moitos estudos céntranse na análise dunha segunda lingua esquecendo o contexto multilingüe no que vivimos”.

O libro está dirixido a persoal investigador en adquisición de linguas e a profesorado que queira coñecer as tendencias máis actuais no ensino desta destreza, pero tamén a estudantes que queiran afondar neste eido e o público en xeral interesado no tema.

Diferencias entre monolingües e bilingües

Un dos temas que se abordan no libro refírese ás diferencias cognitivas entre as persoas monolingües a as bilingües ou multilingües. “Xeralmente compárase aos e ás aprendices de linguas cos falantes nativos e a meta é falar coma un nativo” pero para Alonso esta é “unha visión limitante na que a persoa aprendiz é inferior”. Neste sentido fai fincapé en que o obxectivo ao aprender outro idioma “non é falar cun acento nativo, senón falar de maneira que sexa intelixible e permita comunicarse nunha mesma lingua a falantes de diferentes linguas”.

De feito, fronte á visión de que os falantes dunha segunda lingua son inferiores aos nativos, a docente destaca que “en realidade, os aprendices teñen un maior repertorio lingüístico e características propias de falar máis dunha lingua como son a alternancia de códigos; é dicir, poden saltar da primeira a segunda lingua e teñen procesos cognitivos diferentes aos monolingües”. Como exemplo, refírese a estudos realizados sobre o uso das cores. “En grego hai un termo para o azul celeste e outro para o azul mariño, pero en inglés soamente light blue/ dark blue”. Así, cando un grego que reside por un longo tempo en Reino Unido regresa a Grecia vai dicir en grego ‘azul claro’ e ‘azul escuro’ en lugar de empregar as palabras específicas do grego “porque a súa estrutura conceptual mudou”.

Desterrando o mito de que nenos e nenas aprenden máis rápido

Outro dos aspectos que Alonso considera relevantes na aprendizaxe dunha segunda lingua é a idade da ou do aprendiz. Neste sentido, aposta por desterrar a crenza de que nenos e nenas son mellores aprendices cos adultos. “Cando están expostos ao mesmo tipo de formación, as persoas adultas aprenden máis rápido, porque poden empregar estratexias de aprendizaxe que os nenos aínda non teñen desenvolvidas”, sinala. Pola contra, o único aspecto no que os nenos destacan sobre os adultos é na pronunciación, “no resto os adultos aprenden mellor”. De feito a investigadora remarca que “calquera idade é boa para aprender a falar unha lingua, incluso é aconsellable facelo” e neste sentido apunta que investigacións recentes sinalan que “ante enfermidades coma o Alzheimer, os falantes bilingües mostran os síntomas cinco anos máis tarde que os monolingües grazas ao efecto no cerebro de usar máis dunha lingua”.

Por outra banda, a docente recorda que aprender a falar unha lingua estranxeira require coñecer gramática, vocabulario e pronunciación, pero tamén é imprescindible practicar outros aspectos como a xestualidade. “Falar non consiste unicamente na parte lingüística, xa que adoitamos acompañar a fala con xestos”, pero estes poden variar dunha lingua a outra e son, “polo tanto, tamén obxecto de estudo”, conclúe.