A programación conmemorativa do 25N arranca no museo do Mar de Galicia

Valentín García e Marta Fernández-Tapias presentaron hoxe as propostas culturais do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 que chegan a Vigo arredor do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

O Museo do Mar de Galicia, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, desenvolve durante esta semana unha programación especial arredor do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Así o deron a coñecer hoxe pola mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a delegada territorial da Xunta na cidade olívica, Marta Fernández-Tapias. A peza teatral Soa, de Rogelia dos Outeiros, a mostra Identidades latentes, configurada con creadoras galegas, e dúas proxeccións da peza audiovisual Saberes de muller, que entrevista mulleres da Costa da Morte, iranse dando cita no museo ao longo desta semana.

“O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 trae a Vigo as súas propostas centradas nas mulleres, deseñadas, desenvoltas e protagonizadas tamén por elas, unha boa dose de talento e creatividade femininas coa que celebrar o 25N”, destacou o secretario xeral.

Pola súa parte, a delegada territorial fixo fincapé na necesidades de dar voz a una “pandemia” en moitas ocasións silenciosa, en clara referencia á violencia de xénero que sofren as mulleres. “Estamos a falar do máis cruel expoñente da falta de Igualdade”, dixo ao tempo no que sinalou que avanzar en “reducir ata exterminar unha lacra que ataca sen piedade ás mulleres debe ser un obxectivo común”.

“Unha batalla conxunta, na que a Xunta non vai escatimar esforzos, como así o vimos demostrando con actuacións de atención ás vítimas e aos seus menores e iniciativas de sensibilización ás que cada ano destínanse máis recursos”, apuntou Fernández-Tapias.

Na rolda participaron tamén a protagonista de Soa, Rogelia dos Outeiros, e a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio.

Tres citas ata o domingo

A mostra Identidades latentes, que desde hoxe e ata o 6 de decembro se pode visitar en Vigo, de martes a domingo en horario de 11;00 a 14;00 e de 16;00 a 20;00 horas, bota a andar no marco da programación do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Comisionada por Neves Seara e Ana Seoane, a exposición está integrada por unha decena de artistas femininas galegas ou residentes en Galicia que pasean a súa busca artística nas cuestións referidas ás súas identidades: de xénero, culturais, feministas, globais, sociais e individuais.

A peza teatral Soa, que chega ao museo o domingo 29 de novembro, ás 12;00 horas, da man de Rogelia dos Outeiros e nunha xira por cinco concellos galegos. O espectáculo centra a atención na esperanza e ten como protagonista unha muller maltratada física e psicoloxicamente que, pechada na casa polo seu marido, atopa na súa nova veciña unha confidente a quen contarlle a súa historia, unha válvula de escape para liberarse da pesada carga que sempre a acompaña. Así, descubrimos unha cruel realidade que leva agochada xa demasiado tempo, nun contexto que mestura medo, desesperación, tristura e claustrofobia. Porén, e a pesar das circunstancias, o humor está sempre presente e as situacións cómicas serven de catalizador para esta muller que, pouco a pouco, vai conquistando a audiencia.

O documental Saberes de muller, dirixido por Omar Rabuñal. Unha peza que combina sabedoría popular e muller para recoller coñecementos, idiosincrasia, características lingüísticas e tradición oral galega por boca das mulleres, a través de entrevistas a 30 mulleres de máis de 65 anos da comarca de Bergantiños e da Costa da Morte sobre profesións, festas e lecer, relacións sociais e de parella, educación, cultura oral e folclore. Proxectarase no museo o propio mércores 25 de novembro e tamén o venres 27, en ambos os dous casos, ás 17;30 horas.

Nos tres casos, a entrada é gratuíta con reserva previa, xestionada polo propio museo, respectando todas as medidas hixiénico-sanitarias e os protocolos de seguridade.

Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021

O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega creado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19. O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario