A programación do Alivio propón cine familiar, teatro, música e contos para toda a familia e de balde

O Acto Cívico terá lugar o domingo 14 ás 11.00h na Praza do Seixo. A proxección de “Kika superbruja” será esta noite, despois dos inchables
Publicado por o día 10/09/2019 na sección de Galicia,Tomiño

A programación do Alivio propón cine familiar, teatro, música e contos para toda a familia e de balde

O Concello organiza unha programación para as Festas do alivio 2019 que inclúe unha exposición fotográfica, cine familiar, teatro, contos e cancións.

A mostra fotográfica, de Pily Reñones, no mercado municipal, foi inaugurada o pasado sábado e estará aberta até final de mes.

A proxección da película “Kika superbruja”, prevista para a onte, tivo que ser suspendida por mor da ameaza de chuvia, e será realizada esta noite, ás 21.00h, tras os inchables. Antes, ás 18.00h, “A caixiña de mistos + inchables”. Para todos os públicos e de balde. O cinema máis pequeno do mundo chega a Tomiño. Unha vella caravana na que os pequenos poderán gozar da proxección de curtametraxes de todo o mundo que recibiron numerosos premios; unha pequena caravana habilitada como cinema na que elixirán as historias que queren ver e poderán participar en xogos e actividades. Ademais desfrutarase da actuación de Tana.

O mércores 11 chegará “Bailando cos contos”, da compañía Baobab Teatro, un espectáculo no que nenas e nenos poderán desfrutar dunha historia creada fiando diferentes contos relacionados co baile e música tradicionais e vellas cantigas.

O xoves 12, tempo para recibir a “Martiña soñadora”, de Urdime. Un espectáculo co que peques e grandes poderán aprender cousas moi interesantes sobre a música, gozando de cancións orixinais con ritmos brasileiros, portugueses; rock and roll e blues con fermosas letras en galego.

E xa o domingo 14, o Acto Cívico 2019, adicado este ano a José Mª Gude Méndez, Pepe Gude, (Calvos de Randín, 1951), mestre dende 1977 no colexio chamado daquela “do Mosteiro”. Da súa man comezaron as excursións didácticas de recollida do patrimonio etnográfico, seguindo unha liña de traballo agora consolidada. Pertence a unha xeración de mestres involucrados no ensino práctico, na valorización do saber popular e no coñecemento das tradicións do rural. Un aspecto ao que dedicou esforzos recollendo a memoria popular e que materializou en obras como Mitos e lendas de Tomiño ou Val de Tebra, unha historia por escribir.

Desempeñou un papel activo na formación da conciencia como pobo, dignificando tradicións coma as danzas e músicas propias, as celebracións agrarias, etc. Foi promotor do grupo “Airiños de Tebra” e na actualidade preside a Asociación de Coches Clásicos do Baixo Miño.

Comentar noticia

Your email address will not be published.