A proposta do PSdeG para aumentar os orzamentos en Atención Primaria e recuperar as condicións laborais e a calidade asistencial

Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Política,PSOE

A proposta do PSdeG para aumentar os orzamentos en Atención Primaria e recuperar as condicións laborais e a calidade asistencial

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao PP de “pactar con quen di atrocidades como que a Sanidade custa por atender aos inmigrantes”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na que reclamou un incremento orzamentario do 5 por cento anual durante tres anos para a sanidade pública e a mellora das condicións laborais que foi debatida no Pleno do Parlamento de hoxe e será votada mañá.

O responsable socialista criticou que “hai partidos que validan, que aplauden e que pactan” coa extrema dereita, e reclamoulle ao PP que “desacrediten a Vox algunha vez” e ás súas “aberracións lamentables” sobre a inmigración. Criticou así a conivencia do PP co discurso xenófobo logo de dez anos de recortes nos que suprimiron 1.400 profesionais da sanidade, recortaron un total de 2.000 millóns de euros dende 2009 e deixaron de pedir 150 prazas MIR de medicina de Familia.

Criticou que “non se pode soprar e sorber á vez”, para resumir graficamente que “non se pode recortar con precisión cirúrxica e dicir ao mesmo tempo que se defende a sanidade pública”, o que deriva, dixo, no malestar e as protestas que teñen convocado os profesionais da Atención Primaria para este mesmo mes polo que cualifican de “ataque frontal” do goberno galego.

Propostas

O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei para pedirlle ao goberno galego que abra unha Mesa de diálogo cos grupos parlamentarios na que participen os expertos profesionais en xestión sanitaria que a Xunta escolleu para desenvolver o novo modelo asistencial e de xestión en Atención Primaria.

Ademais, reclamou “elaborar, nun prazo de 3 meses, un documento de referencia de prioridades en recursos humanos” e elevar a dotación orzamentaria en Atención Primaria un 5 por cento anual nos próximos tres orzamentos para reforzar a contratación e estabilización do persoal. Tamén reclamou negociar a solución á situación laboral do persoal dos PAC de Galicia e resolver as vacantes polas protestas dos xefes de servizo da Atención Primaria de Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.