A proposta do PXOM reduce drasticamente os SUNC, SUEDs e PEONRs

O PXOM posto a disposición dos veciños e veciñas dende o pasado mércores, recolle a realidade actual do Grove e unha proposta de crecemento realista.
Publicado por o día 03/11/2018 na sección de Galicia,O Grove

A proposta do PXOM reduce drasticamente  os SUNC, SUEDs e PEONRs

O Concello do Grove puxo a disposición dos veciños e veciñas o documento resultante de moitos meses de traballos técnicos e de reunións cos principais interesados deste documento: os veciños do Grove. Deste xeito, a atención das alegacións presentadas no 2014 e a recollida de información nas numerosas reunións ten dado lugar a un documento realista que tenta reflectir o que é O Grove, evitando por riba de todo os excesos e abusos que puñan en risco a realidade da localidade e os intereses individuais dos veciños e veciñas.

Tendo en conta todo o anterior, tense realizado unha comparativa de datos entre a proposta de 2014 e a actual (que se adxunta a esta nota) na que se valoran datos fundamentais como a previsión de vivendas novas. Neste punto lembramos que o PXOM de 2014 estimaba que no Grove se construirían 5.788 vivendas nos vindeiros de 20 anos, estimación que o PXOM proposto agora rebaixa a 1.844 vivendas para o mesmo período, aplicando criterios realista e desestimando previsións especuladoras.

Pero, sen dúbida, un dos datos máis importantes que resulta do traballo realizado nestes últimos anos ten que ver coa redución drástica dos plans específicos denominados Ámbitos de Solo Urbano Non Consolidado (SUNCs) ou Solo Urbanizable (SUED) no caso da zona urbana ou os Solo de Núcleo Rural (PEONRs) no caso da zona Rural. Este sistema de xestión urbanística creaba un verdadeiro problema a moitos veciños e veciñas da localidade, deste xeito, e tal e como se comprometera dende un primeiro momento, a súa redución foi notable pasando de 38 a 11 SUNCS; de 17 a 6 SUEDs e de 7 a 2 PEONRs. Deste xeito tan só se manteñen estas figuras no caso de que así fora solicitado pola maioría das persoas que se verían afectadas por elas, ou naqueles casos nos que legalmente non resultaba posible eliminalos. Todo isto supón o cumprimento dos compromisos marcados ao comezo do mandato.

Ademais do anterior, e grazas a aplicación das ordeanzas e dos criterios establecidos, a capacidade residencial máxima do PXOM redúcese dos 2.161,502 metros cadrados a 1,967.922 metros cadrados, cumprindo así unha das recomendacións marcadas pola propia Xunta de Galicia sobre a Plan aprobado en 2014, cando falaba dun “exceso de edificabilidade”.