A prostitución e a cultura do medo ao acoso a debate, nunha Mostra do Posibible cun marcado carácter feminista

O espazo de Asumcordas, a asociación feminista canguesa, será o Punto Lila que asesorará e tomará medidas contra o acoso.
Por o 02/10/2018 | Sección: Cangas,Eventos,Galicia
A prostitución e a cultura do medo ao acoso a debate, nunha Mostra do Posibible cun marcado carácter feminista

“A revolución será feminista ou non será” é un eslogan que parece escoitarse ao repasar a programación de actividades da Mostra do Posible, o encontro de movementos sociais e
empresas de economía solidaria que achegará a 45 entidades sociais á vila canguesa esta fin de semana.

O feminismo estará moi presente durante toda a fin de semana, xa que instalarán postos informativos tanto a Marcha Mundial das Mulleres, como as canguesas Asociación Púrpura ou Asumcordas. Esta última exercerá de Punto Lila prestando asesoramento sobre que comportamentos son acoso, como afrontalo, e servirá de espazo seguro para as mulleres que o soliciten.

Precisamente, o acoso na rúa e a cultura do medo “a que pase algo” é o tema da proxección do sábado ás 22:00 horas na A.C A Tiradoura. A longametraxe “Tódalas mulleres que coñezo” de Xiana do Teixeiro que aborda de xeito innovador a relación entre a identidade de xénero e o espazo público. Unha conversa dun grupo de amigas que reflexionan sobre as súas experiencias persoais é filmada e visionada posteriormente primeiro por un grupo de mulleres de maior idade, e finalmente por un grupo de adolescentes que reflexionan sobre o observado. Cuestiónase o medo ao que lle pode chegar a ocorrer a unha muller na rúa, cuestiónase a transmisión deste medo, o noso papel como nais ou como fillas, o noso papel como homes descoñecedores desta realidade.

Quizais a actividade que poda levantar máis polémica sexa a proxeción de “La mujer invisible” de Noemí Chantada o domingo 7 ás 20:00 no Salón de Plenos do Concello de Cangas. Esta curtametraxe da voz a unha muller que exerce a prostitución na veciña cidade de Vigo. Tras a proxección establecerase un debate no que participará Noemí Chantada, realizadora do film, Verónica Arauzo, traballadora sexual e defensora da legalización da prostitución, Célia López, presidenta de Médicos do Mundo Galicia, e Silvia Pérez, traballadora de FARAXA. As dúas últimas entidades pertencen á Rede Galega Contra a Trata de persoas e traballan a diario con mulleres en situación de prostitución.

Na charla sobre “A situación dos dereitos sociais en Galicia” que se realizará o domingo ás 18:00 tamén estará presente a perspectiva de xénero da man da Plataforma Feminista Galega, a Marcha
Mundial das Mulleres, e de colectivos pola defensa dos dereitos das persoas homosexuais como Nós Mesmas.

A Mostra do Posible é un encontro de Movementos Sociais e empresas de Economía Solidaria que terá lugar en Cangas do Morrazo o 6 e 7 de outubro, mediante o que se pretende visibilizar que
existen alternativas que permiten construír unha sociedade máis xusta.

A Mostra do Posible está organizada por Reencanto Producións, entidade promotora de outros eventos como o Primavera do Cine, o Festival Internacional de Cine de Vigo que celebrou este ano
a súa VIII edición, ou o Galician Freaky Film Féstival.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.