A provincia de Pontevedra mantivo este verán o seu “músculo turístico” a pesar da COVID-19, cun 54,4% de ocupación media en Xullo e Agosto

As Rías Baixas revalidou os mellores datos de ocupación de toda Galicia e situouse no Top 5 dos destinos favoritos do estado

“A pesar da covid, os datos téñennos que animar”, destacou Carmela Silva ao confirmar que a provincia de Pontevedra, cunha ocupación media en establecementos hoteleiros do 54,4%, mantén o seu liderado en Galicia. “Sendo moi consciente da situación do sector turístico –asegurou a presidenta da Deputación – os datos amosan que o noso destino ten unha enorme fortaleza e que o noso modelo de turismo sustentable é o camiño correcto. A xente escolle este ano precisamente o modelo no que levamos traballando cinco anos”. Neste eido, a presidenta da Deputación explicou que a provincia sitúase no “top5” dos destinos turísticos favoritos do estado, sendo elixida pola metade das persoas que chegan a Galicia para aloxarse. Tamén enxalzou Silva os datos “espectaculares” do turismo rural que, neste 2020, mesmo superou os rexistros do 2019.

“Obviamente, sabíamos que os resultados ían ser peores aos do 2019 pero as previsións estaban moi por debaixo dos resultados finais que demostran que temos un proxecto turístico moi asentado e potente”, asegurou a presidenta da Deputación. Neste eido Silva, que aproveitou tamén para enxalzar “o enorme esforzo” do sector privado para garantir a seguridade das persoas turistas, recordou que dende fai cinco anos a institución provincial está a impulsar un novo modelo turístico “ligado á sustentabilidade, ao turismo non masificado, ao patrimonio, á paisaxe que, en tempos de covid, é o que demanda a xente”. Ao respecto, a presidenta insistiu en que “este é o camiño que temos que seguir, facendo un enorme esforzo para propoñer accións nesta liña, xerar emprego, dinamizar a actividade económica e situar á provincia de Pontevedra como destino seguro que cumpre coas demandas do novo turismo”.

Máis polo miúdo, o observatorio de Turismo Rías Baixas rexistrou unha ocupación media durante xullo de preto do 50% e en agosto do 61% na provincia de Pontevedra. Por comarcas, O Salnés acadou un 49,5% en xullo e en agosto o 62,1%, destacando localidades como Sanxenxo, que en xullo superou o 50,5% e en agosto o 65,5%, ou O Grove, cunha ocupación do 53,2% en xullo e do 63,9% en agosto.

No que respecta á comarca de Pontevedra, xullo rexistrou unha porcentaxe do 45,3% e en agosto do 61,6%. Neste caso, a cidade de Pontevedra superou o 42,4% en xullo e en agosto chegou ao 63% (con picos maiores na primeira quincena do mes) e vilas como Poio remataron agosto mantendo o 70% de ocupación.

A comarca de Vigo chegou ao 47,6% en xullo e ao 59,2% en agosto. Neste caso, a presidenta destacou as cifras de Baiona, cun 58,3% de ocupación en xullo e un 75,4% en agosto, e as da cidade de Vigo que superou o 50% en xullo e o 61% en agosto,e que foi a que rexistrou o menor descenso en canto a visitantes e noites contratadas de Galicia (con 19.877 visitantes e 50.078 noites contratadas). Tamén no caso de Vigo, Silva indicou que as persoas visitantes aloxáronse 2,52 días de media en xullo, “o que supón o maior dato dende agosto de 2013 e mesmo que do ano pasado, cando foi de 2,4 días”.

Pola súa banda a comarca do Morrazo acadou un 66,7% en xullo e o 77,2% en agosto; a do Baixo Miño un 49,7% en xullo e un 68,3% en agosto; as do Condado e da Paradanta sumaron un 46,7% en xullo e un 68,3% en agosto e as de Deza e Terra de Montes un 37,8% en xullo e un 47,3% en agosto.

“Datos extraordinarios” no turismo rural

En canto aos establecementos de turismo rural os datos foron, segundo destacou a presidenta da Deputación, “extraordinarios” ao rexistrar unha media do 72,35% no verán, cun 65,3% en xullo e un 79,4% en agosto. “En xullo rexistrouse unha ocupación de ata 9,3 puntos máis que a do mesmo mes de 2019, cando chegou ao 56,7%, e en agosto mantivéronse os datos”, destacou Carmela Silva.

No que respecta a comarcas, O Salnés acadou un 59% en xullo (superior en 1,1 puntos ao mesmo mes do ano pasado) e en agosto un 69,9%, con cifras que superaron o 80% en xullo e o 85% en agosto en vilas como Sanxenxo. A comarca de Pontevedra superou o 58,9% en xullo e o 75,3% en agosto, con datos que chegaron ao 100% nos establecementos de turismo rural capital da provincia. Pola súa banda O Morrazo rexistrou un 80,6% en xullo (cinco puntos máis que no 2019) e un 88,9% en agosto; Caldas un 66,4% en xullo (19,7 puntos máis

que en 2019) e un 83,2% en agosto; a comarca de Vigo o 48% en xullo (8,4 puntos máis que o mesmo mes do ano pasado) e o 70% en agosto; O Baixo Miño o 82,4% en xullo (9,34 puntos máis que en 2019) e o 92% en agosto (1 punto superior a agosto de 2019); as comarcas do Condado e A Paradanta un 69,7% en xullo (9,2 puntos máis que no 2019) e un 73,1% en agosto (2,2 máis) e Deza e Terra de Montes un 57,5% en xullo (18,4 puntos máis que xullo de 2019) e un 73,1% en agosto (2,2 puntos máis).

Cámpings e vivendas turísticas

No que respecta aos cámpings da provincia a media foi do 61,15%, sendo do 57,5% en xullo e do 64,8% en agosto. Neste eido, en vilas como Sanxenxo a ocupación chegou ao 38,4% e ao 52,5% en xullo e agosto respectivamente, no Grove ao 56 e 66% e en Vigo ao 80 e 90%.

Pola súa banda, as vivendas turísticas acadaron unha ocupación en xullo do 68%, seis puntos inferior á rexistrada no 2019, e en agosto, na primeira quincena, do 90%, tal e como explicou a presidenta. Ao respecto, Silva destacou que a maioría das persoas visitantes, “principalmente familias”, viñeron por vez primeira ás Rías Baixas, “seguramente para evitar destinos masificados”, e fixo fincapé na “elevada ocupación” do interior da provincia, ”cunha alta demanda de casas illadas, con piscina e xardín”.

Os Castelos tamén gañaron á Covid

Os castelos de Sobroso e Soutomaior foron visitados en xullo e en agosto por 12.840 persoas, rexistrando en agosto ata 350 persoas máis que no mesmo mes do 2019. Amais, só se contabilizan aqueles que pasaron polas taquillas polo que habería que sumar todas as persoas que asistiron ás actividades, ademais daquelas que desfrutan dos xardíns fora das visitas guiadas

Perfil: turismo nacional

No que respecta ás persoas turistas que acudiron á rede de oficinas Info Rías Baixas, case o 100% procedían do resto do estado, principalmente de Madrid, País Vasco, Navarra e Cataluña. O turismo estranxeiro, como ocorreu no resto do estado, foi case irrelevante non superior ao 5%.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario