A provincia de Pontevedra seguirá liderando este verán o turismo en Galicia cunha “prudente” estimación media de ocupación próxima ao 70 %

Carmela Silva tamén ofreceu os datos de xuño: a falta de contabilizar os últimos días, a ocupación foi do 56 % malia as previsións de choiva e cun 27 % de público estranxeiro
Publicado por o día 28/06/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A provincia de Pontevedra seguirá liderando este verán o turismo en Galicia cunha “prudente” estimación media de ocupación próxima ao 70 %

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou onte das estimacións de ocupación na provincia de Pontevedra para os meses de xullo e agosto. “As previsións son dun 68 % de ocupación nos establecementos hoteleiros, cun 62,7 % estimado en xullo e un 71,6 % en agosto”. Trátase de previsións “prudentes e á baixa, en base á información que nos facilitou o sector, xa que consideran que a partir da primeira semana de xullo moveranse un 40 % das reservas” e, polo tanto, “os resultados poderán ser superiores en bastantes puntos respecto ás estimacións”. Deste xeito, Carmela Silva asegurou que “As Rías Baixas van ser seguramente a provincia que siga a recibir máis visitantes de toda Galicia”.

Por comarcas, Turismo Rías Baixas estima un 62,7 % en xullo e un 77,5 % en agosto no Salnés, fronte aos datos reais de ocupación do 68,5 % en xullo e 88,7 % en agosto en 2018. Na comarca de Pontevedra prevese un 65,8 % en xullo e un 73,8 % en agosto. O ano pasado acadou un 68,2 % en xullo e un 82,9 % en agosto. No Morrazo, a previsión é en xullo do 74,3 % e en agosto do 84,2 %. Os datos reais de 2018 foron do 77,6 % en xullo e do 90,7 % en agosto. En Caldas está prevista unha ocupación en xullo do 76,1 % e en agosto do 75,8 %, fronte aos datos reais do ano pasado: 83 % en xullo e 89,3 % en agosto. Na comarca de Vigo, Turismo Rías Baixas estima unha ocupación en xullo do 70,8 % e do 80,3 % en agosto. O pasado verán acadou un 72,7 % en xullo e un 87,2 % en agosto. No Baixo Miño as estimacións son do 53,7 % en xullo e dun 70,2 % para o mes de agosto, e os datos reais de 2018 foron do 62,7 % en xullo e do 82,3 % en agosto. No Condado e A Paradanta, prevese en xullo un 48,1 % e en agosto un 50,8 %, mentres que o ano pasado acadou un 56,3 % en xullo e un 75 % en agosto. Por último, en Deza e Tabeirós-Terra de Montes, está prevista unha ocupación do 49,7 % en xullo e do 60,7 % en agosto, cuns datos reais do 48,1 % en xullo e do 74,8 % en agosto de 2018.

Carmela Silva tamén sinalou que “a previsión que temos para turismo rural é dunha ocupación media na provincia de Pontevedra dun 60,9 % en xullo e dun 76,6 % en agosto”. Por comarcas, a presidenta provincial sinalou que as previsións son as seguintes: 59,5 % en xullo e 80,9 % en agosto no Salnés (2018: 90 % en xullo e 86,4 % en agosto); 60,2 % en xullo e un 72,3 % en agosto en Pontevedra (2018: 55,4 % en xullo e 74,1 % en agosto); 70,5 % en xullo e 79,5 % en agosto no Morrazo (2018: 90,5 % en xullo e 88,2 % en agosto); 70 % en xullo e un 87 % en agosto en Caldas (2018: 59 % en xullo e 83,8 % en agosto); 64 % en xullo e 81 % en agosto en Vigo (2018: 45,3 % en xullo e 65,3 % en agosto); 72,5 % en xullo e 77 % en agosto no Baixo Miño (2018: 85 % en xullo e 98 % en agosto); 51,9 % en xullo e 75 % en agosto no Condado e A Paradanta (2018: 48,5 % en xullo e 85,2 % en agosto); e 38,8 % en xullo e 59,1 % en agosto en Deza e Tabeirós-Terra de Montes (2018: 40,1 % en xullo e 63,8 % en agosto).

Nos albergues, Carmela Silva informou de que “agardamos un 72,2 % de ocupación media na provincia en xullo, e un 78,9 % no mes de agosto”. Así, en PontevedraO Salnés e O Morrazo prevese un 75 % en xullo e un 81,7 % en agosto, na comarca de Vigo un 57,3 % en xullo e un 71,4 % en agosto, no Baixo Miño, O Condado e A Paradanta un 75 % en xullo e un 76,3 % en agosto, en Caldas un 88,8 % en xullo e un 93,8 % en agosto e en Deza e Terra de Montes un 65 % en xullo e 71,7 % en agosto. “As previsións son altísimas nos albergues porque o Camiño de Santiago cada vez atrae e máis persoas que empregan estes establecementos”, valorou a presidenta provincial. Ademais, tamén bos datos de estimación nos cámpingsda provincia, onde “agardamos un 54,9 % de ocupación en xullo e un 76,2 % en agosto”, sinalou Carmela Silva. Por comarcas, naquelas que os teñen, os datos serían os seguintes: 64,4 % en xullo e 77,5 % en agosto no Salnés; 65 % en xullo e 100 % en agosto no Morrazo; 60 % en xullo e 83,3 % en agosto en Vigo; 30 % en xullo e 40 % en agosto no Baixo Miño e 55 % en xullo e 80 % en agosto no Condado e A Paradanta.

A provincia rexistrou un 56 % de ocupación en xuño fronte ás previsións de choivas

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén confirmou “os datos de ocupación que tivemos neste mes de xuño”, malia que lembrou que “os datos finais serán mellores” á falta de contabilizar os últimos días do mes. Deste xeito, “a ocupación media na provincia foi dun 56 %” e, por comarcas: un 42,7 % no Salnés, un 69,6 % en Pontevedra, un 49,7 % no Morrazo, un 68,6 % en Caldas, un 64,2 % en Vigo, un 51,7 % no Baixo Miño, un 41,8 % no Condado e A Paradanta e un 59,7 % en Deza e Tabeirós-Terra de Montes. “Tendo en conta que os medios deron que ía chover na provincia, o cal non aconteceu, fago un chamamento para que quen analizan a meteoroloxía teñan en conta o clima específico da provincia”, xa que “por dar eses datos de climatoloxía adversa para os intereses das nosas e novos visitantes, iso restounos reservas e algunhas persoas as deron de baixa”, sinalou a presidenta.

En canto ao turismo rural, a media de ocupación na provincia foi dun 33,18 %. Na comarca de Vigo foi un 41,6 %, en Caldas un 40 %, no Morrazo un 35,6 %, no Baixo Miño un 31,5 %, en Pontevedra un 29,6 % e no Salnés un 29 %. Os albergues tiveron unha ocupación media do 54,5 %, “liderada por Caldas cun 68,8 %, e seguido de Pontevedra, O Salnés e O Morrazo en torno ao 62,5 %”, informou Carmela Silva. Nos cámpings, “a media de xuño foi do 21,9 % e liderouno O Condado e A Paradanta cun 45 %”.

En canto ao perfil das persoas turistas do mes de xuño que visitaron a rede de oficinas de información turística da Deputación de Pontevedra, “eran principalmente españolas, un 73 %”, principalmente desde Madrid, Sevilla, Cádiz, Lugo, Burgos e tamén un bo número de persoas da provincia “que se trasladaron dos seus lugares de residencia a outros”, sinalou a presidenta provincial. Ademais, “o turismo estranxeiro segue aumentando, cun 27 % que chegou sobre todo de Francia, do Reino Unido, da Alemaña, de Italia e da Arxentina. O tipo de aloxamento máis elixido foi o hotel (55 %), a estancia media foi de 4 a 6 días (32 %) e os motivos principais foron a cultura e o ocio (38 %) seguido do Camiño de Santiago (14 %).

Silva lembrou que “imos facer un estudo big data entre o público que asista aos Festivais Rías Baixas. Extraeremos información relevante sobre os seus gustos e información sociolóxica que achegaremos no mes de setembro”. Con estes datos de comportamento, “a Deputación poderá seguir centrando as actuacións en paquetes que respondan as súas demandas”.

A provincia de Pontevedra será a novena do Estado en creación de emprego

A presidenta sinalou que estes datos están relacionados directamente coa previsión de contratos do verán de 2019. Segundo a empresa de recursos humanos Adecco, a provincia de Pontevedra “liderará en Galicia a sinatura de contratos cunha cifra estimada en 36.500 contratos entre xuño e setembro, a máis alta das catro provincias galegas e un 15 % superior á do verán en 2018”. Deste xeito, case o 50 % de contratos que se crearían en Galicia (74.000, un 14 % máis que o ano pasado) serán na provincia de Pontevedra, facendo desta a novena de todo o Estado na que máis emprego se xeraría durante estes meses.

Malia felicitarse por estes datos, Carmela Silva lembrou que se trata de “emprego conxuntural e moi ligado ao sector servizos, pero avogo por un emprego de calidade, con dereitos e indefinido”. Deste xeito, asegurou, “agardo que o esforzo que estamos a facer na promoción económica e no turismo desde o sector público e o privado sirva para que se converta nun emprego con máis longo prazo, con máis dereitos e con máis calidade”.