A Rapsodia Húngara do coruñés Miguel Iglesias gaña o II Concurso Nacional de Piano Mestre Soutullo na categoría de grao profesional

No grao elemental a pianista Carla Túñez gaña o primeiro premio cunha variación dun tema de Paganini de Isaac Berkowitsch
Por o 05/11/2018 | Sección: Galicia,Ponteareas
A Rapsodia Húngara do coruñés Miguel Iglesias gaña o II Concurso Nacional de Piano Mestre Soutullo na categoría de grao profesional

Madrid, Asturias e Galicia xa teñen algo máis en común, a Fundación Reveriano Soutullo entregou os premios do II Concurso Nacional de Piano Mestre Soutullo que este ano viaxarán a distintos puntos da xeografía peninsular. A Rapsodia Húngara nº8 de Franz Liszt e unha variación sobre un tema de Paganini de Isaac Berkowitsch fanse cos primeiros premios nos distintos graos profesional e elemental, respectivamente.

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a presidenta de honra da Fundación, María Victoria Gómez Soutullo, foron os encargados de entregar ao coruñés Miguel Iglesias Lista o primeiro premio en grao profesional patrocinado polo concello de Ponteareas por valor de 1.000€.  En segundo lugar quedou o madrileño David Fernández Leonyk que recibíu da man da presidenta do tribunal, Josefa Estarque,  e do vocal, Enrique Goberna, o seu galardón. O terceiro premio do grao profesional foi para Alba Raña Barreiro do conservatorio profesional de Vigo.

No grao elemental o primeiro posto foi para Carla Túñez Camiña do conservatorio profesional de Pontevedra que recibíu da man da Concelleira de Cultura, Hortensia Bautista e  do compositor Ángel Viro o seu galardón. Este primeiro premio tamén foi aportado polo concello de Ponteareas cun valor de 600€ en metálico. O segundo premio de grao recaíu no asturiano  Iván Patón do conservatorio de música de Gijón e o terceiro foi para Roberto Diz Parrondo do conservatorio profesional Manuel Quiroga de Pontevedra.

En canto aos accésits, o de grao profesional foi para Alba Raña Barreiro entregado pola Directora de Turismo, Nava Castro, e o de grao elemental para o pianista Iván Patón Álvarez. Na entrega de premios tamén estiveron outros concelleiros do goberno e da oposición.

O Alcalde de Ponteareas e a concelleira de Cultura agradecen a todos os e as pianistas participantes o seu paso polo concurso e felicítanos polo nivel musical acadado agardando que a súa estancia en Ponteareas e a experiencia vivida no concurso resultasen satisfactorias.

Así mesmo, agradecen aos membros do xurado, Josefa Estarque, presidenta do tribunal, Alejo Amoedo e Enrique Goberna, o seu traballo e colaboración.

Comentar noticia

Your email address will not be published.