A Real Filharmonía de Galicia actúa en Afundación con Heidi Melton como soprano invitada

Publicado por o día 06/05/2015 na sección de Cultura

A Real Filharmonía de Galicia actúa en Afundación con Heidi Melton como soprano invitada

– Está considerada «a nova gran voz wagneriana»

– Os menores de 35 anos terán a posibilidade de asistir a un prezo de 5 euros

 A Sede Afundación de Vigo acollerá mañá xoves, 7 de maio, ás 20.30 horas, o concerto da Real Filharmonía de Galicia, con Heidi Melton como soprano invitada e dirixida nesta ocasión por Paul Daniel. Interpretaranse o Wesendonck Lieder de Richard Wagner (1813-1883) e a Sinfonía núm. 6 en la maior (Cahis 12) de Anton Bruckner (1824-1896). As entradas para este espectáculo están á venda a través das canles habituais da entidade, en www.ataquilla.com ou ben na billeteira telefónica no 902 504 500, para todas aquelas persoas que non adquiriran o abono para a tempada.

Ademais, o interese por aproximar a cultura a un maior espectro da sociedade galega conduce á entidade a continuar coa iniciativa mediante a cal todas aquelas persoas menores de 35 anos poderán adquirir a súa entrada media hora antes do concerto na billeteira a un prezo de 5 euros.

Heidi Melton

Natural de Spokane, Washington, Heidi Melton é considerada a vindeira «voz wagneriana que llevamos esperando desde Flagstad y Nilsson» (La Presse), unha voz que é «grande, relucinte e tonalmente resplandeciente» (San Francisco Chronicle). O seu primeiro contacto coa ópera foi aos 12 anos, nunha produción local de La Bohème.

Desde entón a soprano continuou a súa traxectoria musical da man de grandes profesores como Matthew Epstein, John Parr, Sheri Greenawald ou Rhoslyn Jones.

Como profesional traballou baixo a dirección de xenios coñecidos en todo o mundo: Fabio Luisi, Donald Runnicles, Simon Rattle, Zubin Mehta e Markus Stenz entre outros.

Algúns dos seus papeis máis aclamados foron o de Elisa e Venus en Tannhäuser, Gutrune en Händsel e Gretel, Isolda en Tristán e Isolda e Sieglinde en La valkiria. Cabe destacar tamén que é gañadora de numerosos premios e certames como a Competición Mario Landa de 2006.

A REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

A Real Filharmonía de Galicia iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á RFG desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director invitado, tamén dirixen a orquestra outros directores como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjorg Schellenberger, entre outros. Do mesmo xeito xunto á RFG actuaron os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.

Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así como no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que realizou (Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal).

Paralelamente, a vocación pedagóxica da RFG tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música, a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, cos músicos da RFG como profesores. Tamén organiza concertos didácticos para nenos co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica. A RFG está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e forma parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).

PRENSA AFUNDACIÓN