A Real Filharmonía de Galicia, na Tempada de Música Clásica de Afundación

Ofrecerá un concerto con obras de J. Brahms o vindeiro 30 de outubro no Teatro Afundación de Vigo
Publicado por o día 22/10/2019 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

A Real Filharmonía de Galicia, na Tempada de Música Clásica de Afundación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa desenvolvendo a programación da súa Tempada de Música Clásica organizada en colaboración coa Sociedad Filarmónica de Vigo. A vindeira cita será o 30 de outubro, a partir das 20.00 h no Teatro Afundación de Vigo, cun concerto a cargo da Real Filharmonía de Galicia. Interpretarán Concerto para violín en re maior, op. 77 e Sinfonía nº 1 en do menor, op. 68, ambas as dúas de Johannes Brahms, baixo a batuta de Mijail Jurowski e con Ellinor D’Melon no violín.

Este concerto é parte do programa «Quedamos no palco, quedamos coa clásica», unha proposta que ten como obxectivo abrir as portas do Teatro Afundación de Vigo aos centros educativos de Educación Secundaria Obrigatoria e de Bacharelato para que os seus estudantes poidan gozar de concertos de música clásica de balde. Os centros interesados en participar poden informarse a través do 986 120 078 ou no correo quedamosnopalco@afundacion.org.

As entradas están á venda na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen o abono para a tempada que supón un aforro do 20 % con respecto ás entradas individuais. Ademais, Afundación conta cunha política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que conleva unha rebaixa adicional dun 10 % no prezo das entradas.

A REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

A Real Filharmonía de Galicia iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á RFG desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director invitado, tamén dirixen a orquestra outros directores como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjorg Schellenberger, entre outros. Do mesmo xeito xunto á RFG actuaron os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.

Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así como no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que realizou (Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal). Paralelamente, a vocación pedagóxica da RFG tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música, a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, cos músicos da RFG como profesores. Tamén organiza concertos didácticos para nenos co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica. A RFG está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e forma parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).

Comentar noticia

Your email address will not be published.