O Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio, abre os seus laboratorios ao público a través dunha plataforma virtual nunha nova edición do programa Divulgando Ciencia Singular, que cada ano achega o traballo deste centro á sociedade mediante obradoiros prácticos e diferentes actividades. Debido ás circunstancias sanitarias actuais, o centro decidiu adaptar estas tradicionais xornadas de portas abertas ao formato telemático, conseguindo que o visitante poida realizar un percorrido virtual por estas instalacións moi completo e intuitivo.
O propósito é acercar o seu traballo diario á sociedade
Coa finalidade de amosar as súas metodoloxías e proxectos, o Cinbio propón unha plataforma virtual aberta a todas as persoas interesadas en visitar as súas instalacións, entre as que destacan os 22 laboratorios dedicados, entre outras materias, á medicina molecular, nanomateriais, nutrición e benestar ou informática para a saúde e bioestatística. Así mesmo, as participantes poderán coñecer os servizos transversais do Cinbio, como a citometría de fluxo, a histoloxía ou o laboratorio NCB-3.
Un dos aspectos máis interesantes desta iniciativa é que cada laboratorio presenta diversos contidos enlazados que fan a experiencia máis dinámica, atractiva e enriquecedora. Neste senso, as ligazóns dirixen a imaxes ou vídeos característicos de cada un dos 14 grupos de investigación, definicións das distintas áreas, descricións, fluxos de traballo, listados de equipamento dos laboratorios e breves gravacións explicativas.
No seu afán por conseguir unha transferencia de calidade para a sociedade, esta ferramenta irase actualizando con novos contidos periodicamente, algo que é posible grazas ao financiamento dos fondos FEDER dos que o Cinbio está a beneficiarse entre os anos 2019 e 2022.
A visita virtual pode realizarse a través da seguinte ligazón: https://cinbio.xeometrica.com/
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.