A rebaixa do canon de Sogama aos concellos beneficia a case 2 millóns de galegos e suporá un aforro de máis de 4,7M€

O informe sobre a actividade e xestión anual de Sogama reflicte que 2018 foi un dos anos máis importantes do complexo
Publicado por o día 28/02/2019 na sección de Galicia,Medio Ambiente

A rebaixa do canon de Sogama aos concellos beneficia a case 2 millóns de galegos e suporá un aforro de máis de 4,7M€

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe, logo de que o Consello coñecese o informe sobre a actividade e xestión anual de Sogama, que 2018 foi “o mellor ano do complexo desde que se fundou en todos os parámetros”. No pasado ano, Sogama “liquidou débedas pendentes, alcanzou cifras récord de transporte de residuos por ferrocarril, rebaixou o canon aos concellos, tivo un bo balance industrial e completou a primeira fase da súa ampliación”, destacou Feijóo.

Unha das medidas máis importantes do pasado exercicio foi a aprobación dunha redución do 10% no canon que se lles cobra aos concellos e que se lles vai trasladar inmediatamente aos cidadáns xa que para acollerse a esta rebaixa os municipios deben repercutila no recibo dos usuarios do servizo. Este cambio normativo “beneficiará a case 2 millóns de galegos e o aforro total ascenderá a máis de 4,7 millóns de euros”, precisou Feijóo.

Neste momento, o número de concellos que solicitaron esta rebaixa é un total de 229, isto é, un 77% dos adheridos ao modelo Sogama.

Este desconto puido realizarse grazas á boa xestión económica de Sogama. O informe anual tamén subliña a cancelación tanto da débeda financeira da entidade, que ascendía a 125M€, como a subordinada cos accionistas, que era de 25,72 M€. Ademais, a evolución da débeda dos concellos caeu a mínimos históricos ao situarse en 4,5 M€, un 80% menos que en 2013.

Investimentos e balance industrial

En canto aos investimentos, o informe cífraos en 47M€, incluíndo os 29 M€ para a ampliación do complexo medioambiental e os 2,5 M€ da nova planta de compostaxe industrial construída nos terreos do vertedoiro de Areosa. O presidente da Xunta destacou que 2018 foi o ano de inicio das obras de ampliación das instalacións de Sogama e que en xaneiro de 2019 comezou a segunda fase do proxecto. Unha vez finalizado o proceso de ampliación, previsto para mediados deste ano, a planta incrementará a súa capacidade de tratamento un 81%, pasando das actuais 550.000 toneladas a 1 millón de toneladas. Feijóo insistiu en que “todos os concellos caben en Sogama e todos os concellos teñen un servizo público á súa disposición para repercutir nos cidadáns”.

Feijóo sinalou que estas melloras reflectíronse no balance industrial. Así, o pasado ano xestionou 603.132 toneladas de residuos de bolsa negra, un 4,06% máis que o ano anterior. Coa entrada en servizo da planta de recuperación no último trimestre do ano, Sogama está en disposición de separar e recuperar ata 11 tipoloxías de materiais de todos os que contén a bolsa negra. No que atinxe á bolsa amarela, o incremento das achegas foi do 11,12%.

O presidente da Xunta aseverou que a intención de Sogama é seguir nesta mesma liña de redución progresiva. O balance destaca que se en 2017 a taxa de vertedura en Sogama situábase no 27,19%, o ano pasado baixou a preto do 26%, unha porcentaxe claramente inferior á media española, o 57%. O obxectivo é reducila ata o 10%, considerada como vertedura técnica 0, co que “se adiantaría 15 anos ás directrices comunitarias”, destacou.

En canto ao transporte de residuos por ferrocarril, o 58,5% dos refugallos que chegaron a Cerceda fixérono por tren, cando en 2016 a porcentaxe se situaba nun 25%.

Feijóo lembrou que hoxe Sogama “está dando servizo ao 81% da poboación, a 295 concellos, a 2,2 millóns de galegos e xestiona 839.077 toneladas de residuos ao ano”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.