A recomendación dun libro, o mellor dos agasallos

A contacontos e actriz reflexionou co alumnado sobre a importancia da lectura
Publicado por o día 31/10/2018 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

A recomendación dun libro, o mellor dos agasallos

Despois de contar coa participación de Ledicia Costas, María Lado, Yolanda Castaño e Carlos Negro, este martes a cuarta edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil chegou ao seu remate. A contacontos e actriz Esther F. Carrodeguas foi a encargada de pór o broche a esta edición facendo reflexionar ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación presente sobre como a lectura pode mudar ás persoas e como o mellor dos agasallos a outra persoa pode ser a recomendación dun libro.

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil, coordinado pola profesora Isabel Mociño coa colaboración da Facultade de Ciencias da Educación do campus, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Xunta de Galicia, tivo como obxectivo enriquecer a formación das e dos docentes e futuros docentes, especialmente estudantes de Educación Infantil e Primaria, fomentando neles a paixón pola lectura. Para acadalo, a programación contou con cinco conferencias ao longo de cada martes do mes de outubro. Como valoración desta edición, a súa responsable sinalou como “foi unha oportunidade excelente para aprendermos moito, achegarnos máis á temática tratada e poñer en valor as potencialidades da lectura e o seu papel no fomento de sociedades máis equitativas. As convidadas e o convidado fixeron achegas moi ricas e diversas”.

Cambiar coas palabras

Para a última das sesión, comentou Isabel Mociño, escolleuse a Esther F. Carrodeguas, “unha artista polifacética moi moi interesante e cunha ampla formación.Ten unha obra moi orixinal, na que prima o hibridismo e a busca de sobrepasar calquera fronteira entre xéneros”. O título elixido pola contacontos e actriz para a súa intervención foi Cambiar coas palabras e o seu obxectivo último foi contribuír a espertar a paixón pola lectura entre as e os asistentes, tendo en conta os retos do ciclo no que se enmarcou a súa intervención.

A relatora desenvolveu co alumnado presente “un obradoiro no que traballamos os libros que nos fascinaron ao longo da vida” empregando diferentes técnicas e xogos tanto da poesía oral como especialmente do teatro. Ao longo da sesión quixo, afirmou, facer ver ás e aos participantes como “os libro cámbiannos e constrúennos”, levando a cada participante a reflexionar sobre eses libros que a ou o impactaron ao longo da súa vida. Tendo en conta este “poder” dos libros, Esther F. Carrodeguas salientou como “a recomendación dun libro que nos marcou pode ser o mellor dos agasallos para outra persoa”. Ao longo da súa intervención na Facultade de Ciencias da Educación, esta “apaixonada da lectura desde pequena” tamén recalcou como “o que nos interesa nos fai interesantes como persoas” e como as lecturas importantes para unha persoa poden ser nexo de unión con outras.

Tres recomendacións de Esther F. Carrodeguas

No marco da sesión, Esther F. Carrodeguas explicou ás e aos asistentes tres libros diversos que tiveron impacto nela. O primeiro deles foi Esa beleza, un libro de John Berger e do fotógrafo Marc Trivier sobre o escultor Alberto Giacometti. “Este libro fala moito dos meus intereses e do que eu intento facer”, comentou a artista. O segundo dos libros escollidos por Carrodeguas foi No enxame, de Byung-Chul Han, que está a ler actualmente e no que o filósofo “reflexiona sobre a contemporaneidade” e cuestións como a hipervixilación da sociedade ou o uso das redes de comunicación. “Este libro fala de cousas moi interesantes do presente”, sinalou. Se as dúas primeiras lecturas eran de “autores internacionais e homes”, o último dos tres libros que a relatora quixo compartir co público asistente foi “dunha muller e galega”. Trátase do ensaio de Teresa Moure Politicamente incorrecta “porque aborda moitos puntos de vista sobre temas de actualidade e faite pensar neles e posicionarte”.