A “Red Tour” da Olympus fixo parada nas Festas das Dores de Ponte Caldelas

A noite do domingo era unha das máis agardadas dentro do Programa das festas das Dores. A orquestra Olympus ofreceu máis de tres horas de directo onde interpretou os temas máis exitosos deste verán
Publicado por o día 26/08/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

A “Red Tour” da Olympus fixo parada nas Festas das Dores de Ponte Caldelas

A Red Tour da orquestra Olympus fixo unha parada nas Festas das Dores de Ponte Caldelas. Tratábase dunha das citas máis agardadas desta festas, por iso pese a ser domingo a Alameda estaba “abarrotada de xente”. O concerto comezou ás 23:30 e os superhéroes da Liga da Xustiza estiveron moi presentes ao comezo deste espectáculo. Unha xira, a Red Tour, que os integrantes da orquestra lembraron que se trata dun novo proxecto, unha renovación total na Olympus. Os artistas nesta xira son Jorge Ferré (ex compoñente da orquestra Panorama) Néstor Peña (ex compoñente do Combo Dominicano) Nakary Palumbi (ex compoñente da Panorama) Tania Domínguez (La Fórmula) y Fer Sánchez (Aché). Unha verbena que neste domingo contaba coa actuación da Olympus que ofreceu ao público un directo de máis de tres horas. Un directo onde non faltaron os clásicos, os vals, e como non, onde fixeron un repaso por todas as cancións máis exitosas deste verán. O espectáculo de luces e son estivo moi presente xunto coas numerosas coreografías dos artistas desta orquestra que fixeron que o público “non deixase de mover o esqueleto” durante toda a actuación.

Pero as festas continúan en Ponte Caldelas, e este luns tamén se presenta con moita actividade, e ademais de pasarrúas e o concerto da Banda de Música ás 13:30 na Alameda,  ás 21:00 terá lugar o Festival “Son de Ponte Caldelas” unha cita, que terá lugar na Alameda, e que está organizada pola  Banda de Gaitas e de Baile Os Coribantes e que contará coa participación dos diferentes grupos musicais do municipio. A verbena, que comezará ás 00:00 estará amenizada pola orquestra Ibiza Band e varios DJ´s.

O martes, 28 de agosto, é un dos días con máis tradición nesta Festa das Dores de Ponte Caldelas, un día que ven completo de actividades con pasarrúas, concerto da Banda de Redondela e ás 20:00 terá lugar a misa solemne na honra de San Roque, unha misa que será cantada pola Coral Valdarrosa, do concello. A continuación  sairá a procesión que estará acompañada pola  Banda de Gaitas Os Coribantes e pola Banda de Guerra da BRILAT. O día estará completo para rematar cunha verbena que dará o seu comezo ás 23:00 e pechará o seu telón, tal e como manda a tradición, ás 8:00 da mañá. Son moitas horas de festa pero, tal e como asegura o alcalde, ” a diversión estará asegurada co Combo Dominicano enriba do escenario, e as orquestras La Oca Band e Nevada Band”. Andrés Díaz ten claro que será “un espléndido broche de ouro para estas festas de todas e de todos os veciños”.

O mércores 29 pequenos e mozos poderán desfrutar do Día do Neno coa atraccións infantís das festas a prezo reducido.

Neste senso o alcalde de Ponte Caldelas tamén quixo lembrar que as fichas de cortersía, que os propietarios das atraccións lle dan ao concello, xa se lle entregaron a 54 nenas e nenos pertencentes a familias en risco de exclusión social, unha medida que Díaz considera “necesaria co fin de que estas familias desfruten das festas en igualdade e sen discriminacións”.

O alcalde de Ponte Caldelas convida a todo o mundo a que veñan e desfruten das Festas das Dores “en Ponte Caldelas se sentirán coma na casa, somos un pobo acolledor, e a diversión e bo ambiente durante estes días está máis que garantido”.