A reforma constitucional, difícil pero necesaria

A actividade foi promovida polo Observatorio da Gobernanza G3
Publicado por o día 10/12/2018 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

A reforma constitucional, difícil pero necesaria

Cunha froita “que se non a coidas pode podrecer aínda que en si mesma sexa boa” comparaba este luns na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Carlos Pereira Menaut a Constitución Española de 1978. Coincidindo coa conmemoración, a pasada semana, do 40 aniversario da súa aprobación, a Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 organizou este luns unha conferencia, enmarcada nas actividades do grao en Dirección e Xestión Pública, na que Pereira Menaut puxo sobre a mesa a necesidade de acometer reformas no texto constitucional, pero ao mesmo tempo recoñeceu a dificultade de que estas modificacións se leven adiante cos actuais “operadores xurídicos constitucionais”.

Profesor ad honorem da USC, Pereira Menaut foi presentado polo profesor da Área de Ciencia Política da Administración Álvaro Xosé López Mira, quen destacou a “amplísima obra bibliográfica” do protagonista desta “actividade de peche do cuadrimestre” no grao en Dirección e Xestión Pública e na que, co propósito de xerar un debate cos asistentes, este experto abordou primeiro a transición e as virtudes e defectos do texto promulgado hai 40 anos para afondar finalmente na situación na que se atopa actualmente. Un texto que defendeu como a “mellor Constitución aprobada en España con moita diferencia” e “que probablemente fose a única que non deixou nin vencedores e vencidos”, xa que “non se fixo contra ninguén”, en comparación, por exemplo, cos textos aprobados por liberais e conservadores no século XIX.

Nese senso, tras criticar a “tendencia ao branco e negro” existente en España e pola que a Constitución pode ser cualificada tanto como “unha marabilla” como como unha “mala constitución”, Pereira Menaut iniciou a súa intervención aludindo á transición política como un proceso que “tivo moitos méritos”, como un proceso “realista” e “relativamente doado” en comparación con outros procesos de paso dunha ditadura a un sistema democrático como o vivido tamén na década de 1970 en Portugal. A Constitución “non deixou como feridos a grandes grupos sociais”, salientou dun texto do que destacou diferentes méritos, desde “a relación entre o dereito constitucional e o dereito administrativo” á creación das autonomías, “que a min paréceme que foron un gran logro”, cualificando propostas como a realizada por Vox de suprimilas como “ruído”. Mais, ao mesmo tempo, Pereira Menaut tamén salientou como un defecto do texto constitucional o “mal reparto” de competencias, á que sumou outra serie de eivas como que “escapase” da democracia directa ou que, xunto a lei electoral, “sacase a alfombra vermella á partitocracia”. Así mesmo, o catedrático criticou tamén que no texto de 1978 “non está garantida a separación de poderes”.

Un modelo federal melloraría a cuestión territorial

“A Constitución é a mellor das que tivemos ata agora, pero o tempo pasa e hai cousas que caducan, outras que se enquistan ou actitudes novas, por exemplo, diante do tema territorial”, engadiu Pereira Menaut, que centrou a parte final do coloquio en abordar a situación na que se atopa o texto 40 anos despois e na que ao seu xuízo precisaría de “unha ou varias reformas”. Neste punto, o conferenciante puxo o foco tamén nos “operadores xurídico constitucionais”, os deputados e deputadas e os partidos que representan, que, sumados aos “poderes fácticos” e a influencia que poida ter a Unión Europea, serían os que “teñen a chave” desta posible reforma.

Neste punto, Pereira Menaut opinou que “sen agardar ningún milagre”, esa reforma constitucional “facilitaría as cousas” no relativo a un aspecto en concreto que na actualidade “ten un grao enquistamento maior”, o problema territorial. Ao xuízo deste catedrático, “optar por un sistema federal” ben inspirado no modelo estadounidense, ben inspirado no alemán, contribuiría a unha mellora da situación, mais ao mesmo tempo cuestionou tamén se iso sería posible cos actuais operadores xurídicos. “Sería necesaria pero é moi difícil porque terían que facela os mesmos que se verían prexudicados pola reforma, terían que cambiar eles ou deixar paso a outra xente”, concluíu.