A reforma de Benito Corbal remata co asfaltado da rúa

Está previsto para esta semana, de martes a xoves, aínda que se os traballos acaban antes, abrirase a rúa.
Publicado por o día 19/05/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

A reforma de Benito Corbal remata co asfaltado da rúa

A reforma de Benito Corbal chega ao seu fin. Esta semana está previsto o seu remate co asfaltado de toda a rúa (dende Cobián Areal até Sagasta) que se fará de martes a xoves, ambos días incluídos. No caso de acabar antes, abrirase a rúa totalmente ao tráfico.

O martes, 21 de maio, está previsto que a empresa adxudicataria da reforma, E.C.Casas traballe no espazo que está actualmente pechado ao tráfico (Blanco Porto-Cobián Areal) fresando toda a superficie.

Será a partir das 11.00 da mañá cando se realicen as modificacións de tráfico para poder traballar en toda a rúa, deixando libre o cruzamento de Blanco Porto con Benito Corbal para deixar a entrada ao centro dende San Antoniño e Javier Puig. O acceso farase por Blanco Porto, Cruz Gallástegui e Sagasta, se se quere continuar cara Barcelos. A restricción de estacionamento será en toda a rúa a partir das 08.00 horas do martes. A reforma da rúa Benito Corbal, adxudicada a E.C.Casas por 147.587,89 euros e un prazo de catro meses, comezou o pasado 14 de xaneiro, coincindo co final das festas de Nadal e arrancado o período de rebaixas, e remata en prazo atendendo ás necesidades técnicas.

Este proxecto pretendía afondar no modelo Pontevedra especialmente nesta zona, de grande importancia comercial, reducindo o espazo para o vehículo privado que quedou confinado nun carril en toda a vía e o resto destinado para os peóns. As beirarrúas incrementaron a súa sección a máis de 4 metros de ancho (non se demoleron as antigas, só se ampliaron) e a calzada pasou a ser de 3,20 metros. O estacionamento quedou na marxe dereita (no sentido da circulación) que será de servizos e carga e descarga.

A seguranza viaria é a redución do ancho do carril e a instalación de pasos de peóns elevados. En concreto, o cruzamento das rúas Branco Porto e Benito Corbal será un paso elevado na súa totalidade