A renovación trimestral da demanda de emprego xa pode tramitarse vía web, a través do 012 ou da aplicación MOBEM

Desde o 1 de xaneiro é preciso renovar cada tres meses a demanda a través das oficinas de emprego da Xunta que, por mor da pandemia, viña validando este trámite de xeito automático
Publicado por o día 03/01/2021 na sección de Emprego,Xunta de Galicia

A renovación trimestral da demanda de emprego xa pode tramitarse vía web, a través do 012 ou da aplicación MOBEM

A renovación trimestral do documento de demanda de emprego que nos últimos meses se facía de xeito automático por mor da pandemia pode xa tramitarse por vía web (sen necesidade de autenticación), a través do 012 ou da aplicación móbil Mobem. A renovación pode facerse de xeito presencial nas 54 oficinas de emprego da Xunta, aínda que o Servizo Público de Emprego en Galicia está a impulsar o desenvolvemento deste procedemento por medios non presenciais para cumprir coas medidas de protección anticovid.

A Administración autonómica xa iniciou o pasado mes de decembro os contactos cos usuarios do Servizo Público de Emprego -por correo electrónico e a través de mensaxería móbil- e puxo avisos en todas as súas dependencias para dar conta das novidades. A principal consiste na volta ao sistema habitual de renovación da demanda cada tres meses, despois dun período extraordinario no que o documento se viña validando de xeito automático.

Para preservar a protección, tanto das persoas traballadoras do servizo como da cidadanía, a Xunta vén de reforzar os mecanismos para efectuar a renovación por medios telemáticos.

A renovación é necesaria para acreditar a condición das persoas como demandantes de emprego, requisito, por outra banda imprescindible, para percibir as prestacións por desemprego. Para facela, a Xunta vén de ampliar os seus mecanismos non presenciais e anima aos usuarios facer as xestións a través da oficina virtual, da aplicación para teléfonos móbiles Mobem, directamente no Portal de Emprego de Galicia ou a través do teléfono de atención 012. Nestes dous últimos casos trátase de achegar mecanismos sinxelos e áxiles de tramitación para os que é preciso simplemente dispor de DNI ou NIE e dun PIN que facilitará a Xunta ás persoas usuarias.

Para garantir un adecuado control de aforo e acceso e organizar de forma axeitada os servizos á cidadanía, por outra banda, a atención presencial seguirá a realizarse exclusivamente a través do sistema de cita previa. Deste xeito, pode solicitarse, como ata o de agora, con 24 horas de antelación e por calquera persoa interesada, a través do Portal de Emprego Galicia ou do servizo de atención telefónica 012.

Ante a demanda de renovación agardada para os primeiros días de ano, e para atender nas mellores das condicións aos usuarios, a Xunta flexibiliza a validez dos documentos que deban renovarse ata o día 10 de xaneiro, que se estenderá ata o día 20 do mesmo mes para dar marxe á cidadanía a informarse do fin do período extraordinario de renovación automática.

As 54 oficinas de emprego, dependentes da Administración autonómica, están abertas desde o pasado 1 de xullo, logo de aplicar un plan de continxencia, de acordo coa guía de recomendacións de seguridade e saúde fronte á covid-19 específica para oficinas de emprego, elaborada polo Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA), que supuxo un investimento de máis dun 1,1 millón de euros.