A Rente do Chan denuncia un aproveitamento hidroeléctrico (Ponte Inferno) que turbina por riba do caudal autorizado no río Verdugo

Publicado por o día 01/02/2021 na sección de Medio Ambiente

A Rente do Chan denuncia un aproveitamento hidroeléctrico (Ponte Inferno) que turbina por riba do caudal autorizado no río Verdugo

A asociación denuncia que a empresa concesionaria ven producindo electricidade por riba do concedido, xa que dende 2007 a Xunta resolveu que a coroación da presa debía rebaixarse para cumprir coa concesión, derivar o caudal concedido (7.140 l/s), e o resto deixalo fluír pola coroación e polo paso para peixes. Este incumplimento pode estar levando a enriquecemento ilícito da concesionaria, ao turbinar máis caudal do concedido. A Declaración de Efectos Ambientais de 1993, de obrigado cumprimento, establece: “o deseño da obra de toma, será tal que soamente poida entrar por ela o caudal concedido pola autoridade administrativa competente”.

O feito de non ter cumprido coas resolucións de Augas de Galicia, nin as sentencias xudiciais, supón que o exceso de caudal derivado teña sido utilizado para turbinar, e polo tanto producir maior cantidade de enerxía, e maior beneficio. Este beneficio irregular fai que as empresas implicadas, NATURGY como concesionaria, e ELECDEY como arrendataria, obteñan un rendemento económico dun incumplimento flagrante da concesión, e das leis de Pesca Fluvial, e de Augas. A Rente do Chan se pregunta quen se está embolsando este capital, e porque Augas de Galicia decide facilitar este beneficio, perxudicando o río e á sociedade ribeirá. Non entenden que Augas de Galicia teña que preguntarlle á concesionaria a cantidade de enerxía producida (o fai no novo procedemento de extinción, aberto despois de deixar caducar o anterior, iniciado en decembro de 2018), o que da unha idea de que este aproveitamento está absolutamente fora de control, dun xeito que invita a pensar que as empresas implicadas teñen patente de corso para seguir degradando un xa moi castigado río Verdugo. Nesta mesma dirección apunta tamén o feito de que ao non cumplir os requerimentos que a Xunta ven facendo dende 2007, deberían ter sido sancionados con multas anuais de 11.018,56 € (así consta nas resolucións administrativas), cousa que non se está a facer.

Conclúen que, ante este tipo de escenarios, é difícil deixar de pensar en portas xiratorias, e en administracións que por deixadez, neglixencia, falla de capacidade, presións das grandes empresas, ou todas elas á vez, poidan ter que ver, con este tipo de situacións.