Editada polas tres universidades galegas, a revista galego-portuguesa de historia da educación Sarmiento dedica o seu número 21 á represión que a ditadura franquista someteu ao profesorado trala sublevación militar de 1936 e aos procesos de depuración que sufriron os mestres e mestras. Co propósito de achegar esta realidade aos futuros e futuras docentes, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolleu este martes a presentación deste monográfico, nunha actividade que se completou cun coloquio co vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e membro do comité de redacción de Sarmiento Xosé Manuel Cid e o profesor xubilado da Universidade de Santiago Anxo Porto Ucha, autores, respectivamente, dos estudos sobre a persecución sufrida polo profesorado en Ourense e sobre os procesos de depuración no maxisterio levados a cabo na provincia de Pontevedra, que afectaron a máis de 1800 docentes.
O monográfico presentado nun acto que contou tamén coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen salientou aos conferenciantes como dous “referentes da historia da educación en Galicia” e entregou un agasallo a Porto Ucha en nome da Universidade recolle tamén unha relación do profesorado morto nas catro provincias galegas por mor da sublevación fascista de 1936, que cifra en 100, 98 homes e dúas mulleres os asasinados e falecidos por mor desta represión. Entre elas, recolle a publicación, 48 profesores e dúas profesoras que foron “paseados” e outros 38 executados, aos que se suman aqueles que faleceron no cárcere ou a consecuencia das “malleiras sufridas”. Os responsables desta publicación sinalan tamén que “existe constancia doutras mortes” máis aló destas cen, que non se inclúen na listaxe “por seren moi escasas e imprecisas as referencias das que se dispón”.
De periodicidade anual, o número 21 de Sarmiento recolle análises sobre a depuración do maxisterio nas catro provincias galegas, realizando Porto Ucha, xunto á profesora da Universidad de Valladolid Raquel Vázquez Ramil a de Pontevedra; Xosé Manuel Cid a de Ourense; o director da revista e profesor da UDC Narciso de Gabriel a da Coruña e Antón Costa e Uxía Bolaño a de Lugo. “Un dos obxectivos deste número é facer tamén un acto de memoria”, sinala Cid do que foi tamén o propósito central desta actividade, pór o foco na “represión salvaxe” que o franquismo levou a cabo a partires de 1936 e nos seus efectos sobre o maxisterio en Galicia, “onde cando menos a cuarta parte das escolas cambiou de mestre a partir do 36”.
A depuración na provincia de Pontevedra
Trala presentación da publicación, Porto Ucha afondou nesta actividade nun proceso, a depuración dos mestres e mestras, que se iniciou trala sublevación militar coa orde aos gobernadores civís “para que separaran provisionalmente a todos aqueles que non podían comezar o curso en setembro do 36”, é que levou á separación de 438 docentes, 343 mestres e 95 mestras, “arredor dos que despois xiran as sancións máis graves unha vez posta en marcha a comisión provincial de depuración”, explica o investigador. De feito, preto de cen dos mestres afectados foron posteriormente separados do servizo, “o que significa que o réxime xa tiña no punto de mira a estas persoas”, apunta o investigador, que incidiu en que estas separacións provisionais afectaron a práctica totalidade dos concellos da provincia, coas excepcións de Portas, Mondariz-Balneario e Pontesampaio.
Por outra banda, o estudo céntrase tamén na comisión de depuración creada na provincia para o profesorado do ensino primario, “unha das máis duras do estado” e pola que pasaron, entre 1936 e 1942 un total de 1802 mestres e mestras, dos que 91 homes e nove mulleres que foron separados dos servizo, algúns deles xa fusilados ou “paseados” no momento no que se emite a resolución, súmanse outros nove inhabilitados, 33 traslados fóra de Galicia, outros doce fora da provincia e 183 traslados dentro da propia provincia. Comisión que foi especialmente activa en 1938, cando foron depurados 1082 mestres e que continuou a súa actividade ata 1942, cando afectou a 22 docentes, aínda, que, como lembra Porto Ucha, “pola depuración pasaron todos logo, ata a propia comisión”, de tal xeito que 1167 mestres, 714 mulleres e 453 homes, obtiveron nela pronunciamentos favorables. Non obstante, Porto Ucha tamén puxo o acento neste coloquio en como moitos e moitas docentes tiveron que someterse a un “exilio interior” durante a ditadura, despois de iniciar a súa intervención abordando a serie de reformas realizadas no eido do ensino durante a II República, “sen as que non se entende ben a represión”, desde a creación de milleiros de novas escolas e un plan de profesional que levou ao maxisterio “un novo modelo de mestre máis comprometido coa cuestión social”, á instauración dun “sistema educativo laico” e a retirada dos símbolos relixiosos das escolas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.