A retransmisión do inicio do Xacobeo 2021-2022 foi seguida por máis de 1,5 millóns de persoas en 33 países de todo o mundo

O audiovisual conducido por Carlos Núñez co que se pechou o acto contou coa participación solidaria e altruísta de destacados artistas como Julio Iglesias, Alejandro Sanz, Rozalén, Amaral, Iván Ferreiro, Xabier Díaz, Cristina Castaño ou Paulo Coelho, entre outros
Publicado por o día 05/01/2021 na sección de Xunta de Galicia,Turismo

O programa especial de apertura da Porta Santa e inicio do Xacobeo 2021-2022 emitido por streaming e pola TVG foi seguido por máis de 1,5 millóns de persoas de 33 países, que conectaron nalgún momento co programa a través das diferentes canles, redes sociais e emisións que estiveron cubrindo o acontecemento.

O maior número de seguidores do evento produciuse a través das redes sociais oficiais de Turismo de Galicia e Camiño de Santiago a través das que se conectaron 1,4 millóns de persoas. Os contidos audiovisuais publicados nestas redes suman xa preto de 1,7 millóns de reproducións que acadaron máis de 25 mil likes.

Ademais, o documental especialmente creado para a ocasión e que serviu de peche para o acto de apertura do Xacobeo, a cargo de Carlos Núñez, xa leva acumuladas preto de 80 mil reproducións ata o momento nas canles de Youtube da Xunta de Galicia e Turismo de Galicia.

A estratexia de espallar o evento de apertura da Porta Santa a través das novas tecnoloxías permitiu así que a emisión online recibira comentarios procedentes de moitos puntos de España, Italia, Polonia, Xapón, Estados Unidos, Chile ou Arxentina, entre outros moitos países. Cómpre lembrar que o inicio do Xacobeo puido seguirse en directo a través das pantallas situadas na praza do Gran Sablón en Bruxelas, en Dublín, na praza do Doumo en Milán, a que se situou na Catedral de Pistoia, na Haia ou en Bos Aires.

Ademais, o acto foi difundido polas máis de 350 asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e os 150 centros galegos repartidos polos cinco continentes, así como polos centros culturais da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), que tamén colaboraron na difusión do acto, o que permitiu que milleiros de persoas coñeceran en directo a prórroga do Ano Santo ata 2022.

Emisión en TVG

A estes datos hai que sumar tamén os da emisión en directo pola Televisión de Galicia, que, cunha audiencia do 10,8%, chegou a 329.000 galegos ao longo da súa emisión, o que supuxo que preto do 13% da poboación do noso territorio conectou nalgún momento coa emisión do programa especial.

A retransmisión do programa especial na Televisión de Galicia en Youtube foi seguida, por case 60.000 espectadores e a retransmisión a través de crtvg.gal foi vista por preto de 7.800 persoas, aos que se suman os que seguiron o programa especial a través das redes sociais da TVG.

Con este esforzo técnico e esta gran acollida por parte da poboación deu comezo un Xacobeo 2021-2022 que se quere achegar ao maior número de persoas a través das novas ferramentas tecnolóxicas, cumprindo así cun dos seus obxectivos, o de celebrar un Ano Santo diversificado e dixitalizado.