A rexeneración de Principal e Loriga integrarase co proxecto Smart City para converter Lalín na primeira vila galega cunha rúa “intelixente”

Cuíña e González Casares indicaron que se trata dun proxecto pioneiro que constituirá un antes e un despois na modernización tecnolóxica de Lalín e dos seus servizos públicos
Publicado por o día 25/03/2019 na sección de Galicia,Lalín

A rexeneración de Principal e Loriga integrarase co proxecto Smart City para converter Lalín na primeira vila galega cunha rúa “intelixente”

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, anunciaron hoxe unha nova e ambiciosa actuación incluída dentro da estratexia financiada nun 80% con fondos europeos FEDER no marco do POCS 2014-2020, Lalín Ssuma 21. Concretamente, a iniciativa integrará dous dos proxectos principais que o Concello de Lalín programou neste plan e, aproveitando a actuación urbanística que se vai acometer nas rúas Principal e Loriga, dotará esta arteria central da vila de todos os beneficios e posibilidade s que ofrece a tecnoloxía no ámbito dos servizos e da información de utilidade para o cidadán conformado unha Smart rúa. Como adiantou Casares, “tratarase dun proxecto pioneiro que converterá  Lalín no primeiro municipio e cidade galega en contar cunha rúa intelixente”. Ademais, informou de que “a redacción do proxecto técnico tanto para a renovación da rúa como para a aplicación de servizos tecnolóxicos se atopa nunha fase moi avanzada grazas ao gran traballo que esta desenvolvendo o estudo de arquitectura Promove en coordinación cos servizos municipais de informática e novas tecnoloxías”.

A nova rúa intelixente ou Smart rúa que urbanisticamente será humanizada converténdoa nunha plataforma única, incluirá a aplicación de servizos tecnolóxicos de control de acceso de vehículos, xestión do estacionamento, control da iluminación, rego intelixente, xestión de residuos sólidos urbanos, cartelería dixital informativa e un módulo de calidade do aire.

Control de acceso

A humanización de Principal e Loriga implicará peches puntuais ao tráfico -como sucede actualmente as fins de semana- para aproveitar as súas condicións para o desfrute peonil. Porén, unicamente se permitirá nos momentos de peche o acceso de vehículos previamente autorizados. Para isto, o proxecto de rúa intelixente dotarase de cámaras de control mediante lectura de matrículas que contrastará o resultado nunha base de datos de maneira que ao ser validada se accionara o permiso automaticamente e o sistema de peche retráctil deixará pasar o coche.

Estacionamento

O sistema de xestión de estacionamento que se aplicará na nova rúa intelixente empregará sistemas de detección como sensores de praza que realizarán comunicacións auromáticas a unha plataforma de xestión central e a unha aplicación dixital que empregarán os usuarios e que informará en tempo real sobre o estado de ocupación, o tempo de rotacións etc. Esta solución tamén permite a súa integración con paneis de sinalización e guiado específico para persoas con mobilidade reducida ou prazas reservadas para carga e descarga. En definitiva, esta ferramenta facilitará enormemente a busca de espazo de aparcamento para os usuarios evitando tamén desprazamentos innecesarios e contribuindo a unha circulación sostible e eficiente.

Control de luminaria

A actuación contemplará a aplicación dun módulo de controlo de luminaria que permitirá o control do cadro de iluminación pública das rúas que se van humanizar. O dispositivo permitirá controlar dende a plataforma central o acendido, apagado e a regulación dos farois, así como definir perfís diferentes de iluminación para grupos de luminarias concretos ou luminarias individuais, contribuíndo a mellorar a eficiencia enerxética e, polo tanto o aforro económico.

Rego intelixente

O módulo de rego intelixente ofrecerá a posibilidade de manexar os aspersores colocados nos espazos verdes e programalos de maneira totalmente personalizada por parte do Concello en función das necesidades e patróns que se establezan.

Xestión de residuos

O sistema de xestión intelixente de residuos sólidos urbanos permitirá recoller información dos contedores ubicados nas rúas Principal e Loriga a través de sensores que informarán sobre niveis históricos de enchido ou permitirán detectar calquera anomalía ou incidencia, xerando tamén información e avisos específicos.

Cartelería dixital

O proxecto Smart City contempla a posta en marcha dun sistema de pantallas de información e cartelaería dixital en diferentes puntos xeográficos do casco urbano. Así unha das zonas que vai ser dotada destes dispositivos será o treito conformado por Principal e Loriga. A actuación consiste na posta en servizo dun sistema de información en tempo real mediante a disposición de paneis electrónicos en diferentes formatos que serán controlados a través dunha plataforma software central de xestión de contidos. Cada panel disporá dunha ou varias pantallas de alta resolución e gran formato en función da súa finalidade.  Proporcionarán información de interese para o cidadán sobre todo tipo de cuestións como eventos, actividades, incidencias ou datos de asistencia ao tráfico e ao estacionamento.

Meteoroloxía

Por último, instalarase un módulo de calidade meteorolóxica que permitirá a recollida de información a través dunha estación conectada á plataforma central que ofrecerá datos en tempo real sobre indicadores da calidade do aire, a situación en canto a contaminación do centro urbano etc.

Todas as ferramentas que converterán as rúas Principal e Loriga, ao tempo que se humanizan, en rúas intelixentes, serán controladas e manexadas a través dunha plataforma central de “control de cidade” que funcionará como sistema central de xestión. Esta plataforma constituirá, en definitiva, o núcleo integrador do sistema Smart City, permitindo interconectar todos os seus compoñentes e dispoñer dunha visión única e unha xestión integrada.

Comentar noticia

Your email address will not be published.