A rúa Oliva, no foco do plan municipal de sostemento dos espazos urbanos peonís

Substituirase o lousado de todo o paseo central da rúa Oliva, o que está entre as bandas de pedra, dende a praza Peregrina até a rúa García Camba
Publicado por o día 05/06/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

A rúa Oliva, no foco do plan municipal de sostemento dos espazos urbanos peonís

O programa de sostemento dos espazos peonís urbanos posto en marcha polo Concello de Pontevedra para subsanar os danos causados polas intensas chuvias e temporais do inverno e polo paso do tempo chegarán nos próximos días á rúa Oliva. Neste caso, como ocorre na praza de España (en marcha) e pasará detrás da Peregrina será unha actuación de envergadura na que vai a substituirse todo o paseo central da rúa, o que está entre as bandas de pedra, dende a praza da Peregrina a rúa García Camba.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, mantivo onte un encontro con comerciantes da zona aos que lles informou sobre a actuación prevista. Os traballos de substitución do lousada teñen unha duración prevista dunha semana.

O remate dos traballos de mantemento na praza de España, previstos para a próxima semana, dará paso a seguinte actuación, que será na praza de Ourense ou na rúa Oliva en función da dispoñibilidade do material preciso para a súa execución.

O Concello desenvolve o seu plan de sostemento dos espazos públicos urbanos guiado polos seguintes criterios:

  • Atención a todos os espazos peonís da cidade (centro histórico, centro e barrios)
  • Priorizar a seguranza das persoas
  • Ordenar os traballos con criterios de eficiencia e rendibilidade (selección dos equipos, escolla das obras, etc)

O concelleiro Demetrio Gómez deu hoxe conta desta actuación e do desenvolvemento xeral do programa de sostemento urbano, que ten un orzamento global de 250.000 euros, á Comisión de Mobilidade.

OBRAS REALIZADAS E EN MARCHA
Hai tres equipos traballando con funcións diferentes.

EQUIPO 1. Reparacións urxentes: sobre todo as que demanda a Policía Local, as detectadas polos servizos técnicos e mais tamén as que chegan das veciñas e veciños

  • Actuacións rematadas en Avda. De Vigo, Benito Corbal, Sagasta, Praza de Galiza e Xeneral Rubín
  • Actuacións en execución en Barcelos, Luís Otero, Camiño de Ferro, Rúa da Estrada e Cruz Vermella

EQUIPO 2. Reparacións do pavimento peonil en rúas enteiras:

  • Pedra: rematada en Arcebispo Malvar
  • Arquetas: Paseo Colón

EQUIPO 3. Obras de maior envergadura porque afectan á circulación e inclúen o traballo en panos enteiros

  • Rúa da Taboada: reparar o asfalto de cor e o lastro nas entradas dos garaxes
  • Praza do Concello, Praza de Ourense até Benito Corbal e Rúa Nova de Abaixo (rematada): levantar o lastro e tomalo con morteiro para garantir a súa estabilidade máis tempo
  • Rúa da Oliva: cambiar todo o enlousado da parte central (entre as bandas de pedra) por un modelo novo (non existe xa o modelo alí colocado). As novas lousas soportan o paso de vehículos
  • Porta de Trabancas: recolocar o pavimento de pedra
  • Augusto García Sánchez: Recolocar baldosas (tampouco existe xa o modelo de esa rúa) e arranxar un paso que usa a veciñanza nun parterre
  • Luís Otero: recolocar bolardos en Pasarón
  • Asfaltar a entrada da parte nova do cemiterio de San Amaro.