A sanidade española aplaude á área sanitaria de Vigo

A EOXI de Vigo recibe o premio especial do xurado no Congreso de Hospitais e Xestores Sanitarios de España por ser a organización con maior participación científica na reunión
Publicado por o día 21/05/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A sanidade española aplaude á área sanitaria de Vigo

A área sanitaria de Vigo recibiu o aplauso dos xestores sanitarios e de hospitais de toda España pola súa achega científica ao congreso nacional celebrado recentemente en Santiago. O recoñecemento produciuse a través
dun premio especial do xurado do congreso por ser a organización con maior número de comunicacións en todos os niveis asistenciais e de xestión. Neste congreso participaron un total de 2800 profesionais españois.

En concreto, a mellora dos procesos asistenciais, os programas de humanización, o emprego das novas tecnoloxías TIC na organización e xestión e os proxectos de integración asistencial, foron os apartados máis valorados polos membros do xurado.

A EOXI de Vigo vén traballando intensamente nos últimos anos en todos estes aspectos. Por ese motivo no transcurso do 21 Congreso Nacional de Hospitales y Gestión Sanitaria plasmouse, a través das distintas comunicacións, o papel de liderado que a área sanitaria de Vigo está a conseguir no panorama da sanidade pública española.

A mención especial do xurado do congreso foi outorgada por ser a EOXI de Vigo a que maior participación científica tivo na reunión nacional. De feito, todas as comunicacións científicas presentadas son o reflexo do traballo realizado na área sanitaria viguesa na aplicación das liñas xerais do Plan Estratéxico, que está en vigor desde o ano 2017. Un plan a medio prazo cuxa implantación dá xa os seus froitos, como así o recoñecen nos distintos congresos e reunións a nivel nacional.

A mención especial do xurado do recente congreso é, sen dúbida, o respaldo definitivo á política asistencial e de xestión que se desenvolve en Vigo nos últimos anos. A delegación viguesa no congreso deixou patente a importancia, cada vez maior, que esta área sanitaria ten no panorama xeral da sanidade pública española. No transcurso deste evento, recoñeceuse tamén o labor e dedicación de Begoña Domínguez Arias, quen fora subdirectora de enfermaría da EOXI de Vigo, pola súa traxectoria na xestión enfermeira.

Comentar noticia

Your email address will not be published.