A SDC Ponte Caldelas estrea cores na segunda equipación con vitoria

Publicado por o día 08/10/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

A SDC Ponte Caldelas estrea cores na segunda equipación con vitoria

A Sociedade Cultural e Deportiva Ponte Caldelas estreou este domingo a segunda equipación, con cambio radical de cores, cunha traballada  vitoria  (1-0) diante  do Cotobade. O novo uniforme, con  camiseta e medias vermellas e pantalón negro, foi doado polo seu patrocinador principal,  que é o Concello de Ponte Caldelas.

Á estrea, que se produciu nun partido como local no campo de Chan da Barcia,  asistiron o alcalde, Andrés Díaz, e o tenente de alcalde, Lito Muíños en representación do Goberno municipal tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG).

O equipo verdibranco substitúe así a habitual segunda equipación, completamente branca, dado que daba lugar a problemas pola coincidencia con algúns equipos da categoría que tamén teñen  o verde e o branco no  seu uniforme principal.

Durante a estrea comentouse tamén o porqué das cores verde e branca no equipo de Ponte Caldelas. Un feito que se debe  a que un dos  seus fundadores, no ano 1974, quixo homenaxear ao equipo dos seus amores, que é o Racing de Ferrol. Manolo “Soledad”, como é coñecido na localidade,  fixo o servizo militar na Cidade Departamental e de alí trouxo a súa querencia por  estas cores que agora unen aos equipos ferrolán e caldelán.