A Secretaría Xeral para o Deporte dota ao Centro Galego de Vela dunha embarcación 49er FX para axudar ás regatistas galegas na súa clasificación a Toquio 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo un encontro coas regatistas Patricia Suárez e Nicole van der Velden antes da súa participación no Campionato do Mundo de Nova Zelanda
Publicado por o día 20/11/2019 na sección de Deportes,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Secretaría Xeral para o Deporte dota ao Centro Galego de Vela dunha embarcación 49er FX para axudar ás regatistas galegas na súa clasificación a Toquio 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo un encontro coas regatistas Patricia Suárez e Nicole van der Velden que forman parte do grupo preolímpico da Real Federación Española de Vela para a clase 49er FX. A deportista galega de alto nivel ocupa actualmente o vixésimo segundo posto no ránking mundial e leva competindo coa hispano holandesa desde o ano 2016. Patricia Suárez xa foi campioa do mundo na clase Vaurien nos anos 2014 e 2016.

O mandatario galego desexou moito éxito á parella de regatistas do Real Club Náutico de Vigo que competirán no Campionato do Mundo 2019 en Nova Zelanda a partir do vindeiro 29 de novembro, onde buscarán a clasificación para os Xogos Olímpicos de Toquio 2020.

Para axudar ás regatistas galegas neste cometido, a Secretaría Xeral para o Deporte vén de facer entrega ao Centro Galego de Vela (CGV) dunha embarcación de vela lixeira da clase 49er FX. Na actualidade o centro dispón de tres embarcacións deste tipo pero a súa antigüidade non as fai competitivas desde o punto de vista do alto nivel pola perda de velocidade en regata.

A embarcación posta a disposición do centro de Vilagarcía de Arousa ten un custo de 32.276,75 euros financiados integramente pola Xunta de Galicia. O seu deseño conta coas especificacións técnicas internacionais de clase para o barco e apéndices que garanten poder acadar os niveis de velocidade requiridos para conseguir a clasificación olímpica.

A adquisición deste barco de competición para o Centro Galego de Vela inscríbese na liña de axudas que neste ano 2019 chega aos 312.000 euros a través do convenio asinado coa Secretaría Xeral para o Deporte que converte á Real Federación Galega de Vela na cuarta federación que máis cartos recibe da Xunta. Nestes 312.000 euros inclúense as partidas da Secretaría Xeral da Igualdade (30.000 euros), do Xacobeo (20.000 euros) e do 6.40 (18.000 euros). Estas dúas últimas para o patrocinio do Europeo Júnior de 420 e 470 de Vilagarcía.

Comentar noticia

Your email address will not be published.