A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolle desde hoxe a mostra “Sempre marzo”, un “canto ao soño do feminismo, a filosofía máis potente creada no mundo”

“Non pode haber unha sociedade decente se ás mulleres se nos asasina polo mero feito de ser mulleres”, asegurou Carmela Silva quen amosou a súa indignación ante o novo asasinato machista en Córdoba
Publicado por o día 04/03/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolle desde hoxe a mostra “Sempre marzo”, un “canto ao soño do feminismo, a filosofía máis potente creada no mundo”

Ante unha ateigada audiencia que encheu por completo a sede de Vigo a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada de deputadas e deputados provinciais, do director da Editorial A Xanela, Xosé Manuel Calviño, e da coordinadora literaria, Yolanda Castaño, abriron a mostra “Sempre marzo”, que pode visitarse na nova sede de Vigo da institución provincial ata o 14 de abril. No acto de apertura tivo lugar un recital poético a cargo de María Lado, Helena Villar e Yolanda Castaño, e a pianista, Katia Linke, interpretou as pezas Playing LovePreludio e True colors. Participaron ademais as artistas Soledad Penalta, Ángeles Jorreto, Ehlaba Carballo, Novais, Ruth Martínez, Irene Silva e o artista José María Barreiro.

“Sempre marzo” é, en palabras da presidenta provincial, “un canto ao soño do feminismo, a filosofía máis potente creada no mundo”. Carmela Silva incidiu na necesidade de acadar unha sociedade igualitaria porque “non hai sociedades xustas, nin democráticas se as mulleres que somos o 52 % da poboación non ocupamos a metade de todo”. Ademais, a presidenta aproveitou a ocasión para amosar a súa indignación ante o novo feminicidio en Córdoba, que eleva a catorce (tres máis que o ano pasado nestas datas) as mulleres asasinadas polo machismo neste 2020. Ao respecto, Silva destacou que “non pode haber sociedade decente se ás mulleres se nos asasina polo mero feito de ser mulleres”.

A mostra “Sempre marzo” reúne unha selección de arte plástica e poesía a cargo de creadoras e creadores galegos en torno á igualdade e ao feminismo. Atópanse entre elas e eles Ángeles Jorreto, Carmen Hermo, Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva, Isabel Pintado, José María Barreiro, Leandro Lamas, Lucía López, María Xosé Leira, María Manuela, María Xesús Díaz, Novais, Ramón Astray, Ruth Martínez Sabela Arias, Sabela Baña, Soledad Penalta, Vanessa Lodeiro, Viki Rivadulla e Xosé Vizoso, así como as poetas María Xosé Queizán, Helena Villar, Marilar Aleixandre, Pilar Pallarés, Eva Veiga, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, María Lado, Miriam Ferradáns e Rosalía Fernández.

Os traballos, coordinados pola poeta, Yolanda Castaño, forman ademais parte doutra “xoia e caixa de soños”, o libro Sempre marzo de A Xanela Editorial, que tamén se expón na sede de Vigo. Deste xeito, na nova sede da Deputación e no marco da mostra poderanse ver ata o 14 de abril os orixinais dos 32 cadros realizados en distintas técnicas como óleo ou acrílico (que tamén se reproducen no libro) e doce poemas manuscritos. Tamén se amosará a escultura que se reproduce no volume Sempre marzo e poderase ver o propio exemplar, do que se editaron 155 exemplares, cunha coidada presentación nun expositor de madeira.

Sempre marzo na sede da Deputación en Vigo

Na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo xa é 'Sempre marzo'! A exposición chega á Sala Rosalía de Castro no marco da sua programación polo 8M, onde permanecerá ata o 14 de abril.

Publicada por Noticias de Vigo en Martes, 3 de marzo de 2020