A segunda convocatoria da incubadora de alta tecnoloxía Bioincubatech pecha mañá o prazo de solicitude

Bioincubatech forma parte do Polo de Innovación en Biotecnoloxía que se está a desenvolver en Santiago de Compostela, a través do centro de fabricación avanzada Sionlla Biotech e o Hub de Innovación Dixital DATAlife

A incubadora de alta tecnoloxía BioIncubaTech ten aberto ata mañá, 15 de setembro, o prazo de recepción de candidaturas de proxectos biotecnolóxicos. A través desta segunda edición, BioIncubaTech apoiará 22 pequenas empresas e proxectos no ámbito das ciencias da saúde e a biotecnoloxía alimentaria, ofrecéndolles infraestruturas e programas de incubación e aceleración, para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia.

Dos 22 proxectos seleccionados, ata 14 poderán selo na fase de preincubación, dos que catro poderán estar aloxados na zona de coworking e o resto na modalidade de incubación virtual; ata outros catro proxectos poderán estar en fase de incubación, dos que ata tres poderán dispor de aloxamento físico en módulos de laboratorio ou oficina (segundo a dispoñibilidade) e o resto na modalidade de incubación virtual; e ata outros catro proxectos poderán atoparse en fase de aceleración, dos que ata tres poderán dispor de aloxamento físico en módulos de laboratorio ou oficina (segundo a dispoñibilidade) e o resto na modalidade de incubación virtual.

A través da primeira edición deste programa de incubación, apoiáronse xa 22 proxectos e empresas, dos que seis en fase de preincubación xa se constituíron como empresas, catro firmas están xa instaladas en laboratorios e oficinas do Edificio Emprendia e outras cinco teñen a disposición a área de coworking. Todas elas están a recibir o apoio dos diferentes programas que ofrece BioIncubaTech.

Esta incubadora, situada no edificio Emprendia da USC, ofrece apoio e espazo para a incubación tanto de micropemes, como de proxectos do ámbito biotecnolóxico, acceso preferente a infraestruturas científicas da USC, así como unha serie de programas de apoio en catro ámbitos: a transferencia de coñecemento e xestión da innovación; a captación e xestión de talento directivo; a coordinación e networking internacional; e a captación de investimento e xestión financeira.

Sobre BioIncubaTech

BioIncubatech é unha Incubadora de Alta Tecnoloxía promovida pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, co financiamento da Fundación Incyde, a través da convocatoria 2018 de Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da Innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes (Fondos Feder), e da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), con axudas para o fomento da innovación e a transferencia de tecnoloxía no ámbito da sáude e a alimentación ás micropemes.

Bioincubatech forma parte do Polo de Innovación en Biotecnoloxía que se está a crear en Santiago de Compostela, onde se instalará o centro de fabricación avanzada Sionlla Biotech, que se integrará no Hub de innovación dixital DATAlife liderado por Bioga. Pódese atopar máis información a través da web http://www.bioincubatech.com.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM