A sentenza da Manada, un atentado contra os dereitos das mulleres

Publicado por o día 26/04/2018 na sección de Anova,Galicia,Política

Anova non comparte “unha sentenza que se rebaixa a tipificación do delito cualificando como abuso o que foi un violación. Unha rebaixa de delito e penas lamentablemente escrita con desprezo pola vítima e con compresión cara aos violadores, mesmo cun voto particular de absolución, que senta un precedente xudicial nefasto que contribúe a normalizar a violencia contra as mulleres. Parécenos evidente que unha violación en grupo si é violenta e que a sentenza afonda en distorsionar o papel das mulleres: de vítimas a culpables por non se resistir”.

“Tolerancia cero fronte a violencia conta as mulleres, ese é o compromiso democrático que hai que soster nas rúas e nas prazas, na lexislación e nos xulgados. As violencias contras as mulleres atentan contra todos os seus dereitos. A sentenza da Manada acrecenta a indefensión das mulleres e amplía a marxe de aceptación diante da violencia contras as mulleres”.

Dende Anova chamamos a ocupar as prazas e rúas de Galicia para que, como na histórica xornada da folga feminista do 8-M, a cidadanía esixa unha mudanza de fondo nas políticas públicas que inclúan a perspectiva de xénero. “Só mediante a mobilización permanente da sociedade galega remataremos con esta regresión en termos democráticos”.