A sentenza do TSXG determina que o Hospital Álvaro Cunqueiro é unha entidade privada

Publicado por o día 28/05/2020 na sección de Esquerda Unida,Galicia,Política,Vigo

A sentenza do TSXG determina que o Hospital Álvaro Cunqueiro é unha entidade privada

A recente sentenza do Tribunal de Xustiza de Galicia, obriga á empresa concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) a pagar o Imposto de Bens Inmobles ao Concello de Vigo, e evidencia unha realidade que se levaba reclamando dende o ano 2015, no que foi inaugurado. Esta sentenza, segundo a coalición, contradí o que a Xunta sempre defendeu: que se trataba dun edificio público e por tanto non tiña que facerse cargo do pago dese imposto. “Agora a xustiza dalle a razón ás 200.000 persoas que no ano 2015 saíron á rúa a denunciar a privatización deste hospital, que sempre defendemos que tiña que ser 100% público” expón Eva Solla, candidata de GeC-AM por Pontevedra.

“A súa construción”, prosigue Eva Solla, “xa supuxo no seu día un sobrecusto de ata catro veces máis do prezo inicial. Levamos anos denunciando a privatización que entraña a colaboración público-privada no caso da construción e xestion do novo HAC, xa que isto só significa que cada ano pagamos un canon que debería estarse a adicar a sanidade pública”.  “O que xa non é asumible”, continúa, “é que enriba do beneficio que está a obter a concesionaria, esta, como empresa privada, non pague os impostos que lle correspondan pola explotación do terreo”.

Máis alá do elemento tributario, esta sentenza vén poñer enriba da mesa unha realidade denunciada centos de veces tanto pola veciñanza coma por asociacións e colectivos en prol da sanidade pública. “Trátase dunha infraestrutura privada; que emprega sanitarios públicos, mais é privada. Nós seguimos e seguiremos defendendo que o HAC pase a mans públicas para que a xestión sexa integramente do Servizo Galego de Saúde” conclúe a candidata.

Comentar noticia

Your email address will not be published.