A serie de divulgación científica Universo Sostenible comeza a preparar a segunda temporada

Coa participación de docentes de universidades de toda España, incluída a de Vigo
Por o 14/01/2019 | Sección: Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
A serie de divulgación científica Universo Sostenible comeza a preparar a segunda temporada
Compartir en:

A ciencia e a investigación non só teñen oco nos medios de comunicación públicos, senón que ademais gozan de aceptación entre o público. Mostra disto son os bos resultados obtidos pola serie de divulgación científica Universo Sostenible que arrancou en TVE2 en setembro e rematou en decembro. Trátase dun formato audiovisual desenvolto en colaboración con universidades de toda España, entre elas a de Vigo, no que a produción executiva e a coordinación xeral estiveron a cargo da Universitat de València. Dende o equipo impulsor recoñecen estar “moi contentos cos resultados e co bo recibimento dos diversos contidos por parte de estudantes das universidades españolas e do público en xeral”. Por iso comezaron xa a traballar no proceso de pre-produción da segunda temporada, que agardan comece a emitirse no mes de abril e na que igual que sucedeu coa primeira, participarán tres docentes da Universidade de Vigo: África Gonzalez, Bea Comendador e Lola Dopico.

A ciencia, na televisión xeneralista

O proxecto é o resultado dunha coprodución dos servizos audiovisuais de 27 universidades coordinadas polo grupo de traballo en Contidos Audiovisuais e Multimedia de Crue Comunicación das Universidades Españolas en colaboración da Fecyt. Estas cápsulas concentradas de coñecemento están orientadas a un público amplo, dende estudantes, docentes e investigadores de universidade ata estudantes de Secundaria “buscando espertar vocacións científicas” e a docentes en xeral que poden atopar neste vídeos “un gran recurso pedagóxico en diferentes materias”.

A primeira temporada constou de doce capítulos que se emitiron dentro do espazo La aventura del saber, programa diario matinal destinado á formación educativa e á divulgación científica, con máis de 25 anos de emisión. Por parte da Universidade de Vigo foron tres os docentes que colaboraron nas pílulas que abordaron temas como a seguridade na rede, a accesibilidade, o cancro, a alimentación, o cambio climático, os novos materiais, o Alzhéimer, a importancia da práctica do deporte ou as medidas para acabar co acoso.

Agechas da Uvigo sobre cambio climático, nanotecnoloxía e astronomía

Cada episodio comprende unha pílula sobre un tema en concreto na que expertos e expertas de universidades e centros de investigación explican dun xeito sinxelo avances tecnolóxicos e científicos que suporán un impacto importante no futuro inmediato. Os capítulos están divididos en diferentes bloques audiovisuais montados de forma dinámica e visualmente atractivos, para facilitar a aproximación á audiencia cunha linguaxe próxima e de fácil comprensión. Ademais, cada programa permite a posibilidade de multidifundir cada unha das súas secuencias por separado a través das redes sociais, e a posibilidade engadida de interactuar co relato a través das smarTv.

A Universidade de Vigo contou con tres representantes nesta iniciativa. Por unha banda, Miguel Ángel Nombela, decano da Facultade de Ciencias do Mar, participou nun capítulo sobre o clima e a súa evolución e os efectos do cambio climático na costa, no que defendeu a necesidade de protexer os areais, por ser un medio natural que actúa como “primeira barreira defensa natural ante o ascenso do nivel do mar e o incremento da intensidade e frecuencia das tormentas”. Outro dos docentes vigueses convidados foi o catedrático Pío González, do Departamento de Física Aplicada, que participou nun capítulo sobre os novos materiais e a nanotecnoloxía e as súas aplicación en campos como a nanofarmacia ou a nanomedicina. Nesta primeira temporada a presenza da Universidade de Vigo completouse coa profesora Ana Ulla, que achegou os seus coñecementos nunha pílula titulada ¿Cuánto brillan las estrellas?

Na segunda temporada, que xa se está a preparar, participarán outras tres especialistas da Universidade de Vigo, nesta ocasión tres mulleres: a directora do Cinbio África Gonzalez, que afondará nas vacinas e os perigos da pseudociencia; a investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat), Bea Comendador, nun capítulo sobre historia e evolución e a directora de Esdemga, Lola Dopico, que falará sobre creatividade e tecnoloxía.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.