A sexualidade, protagonista da nova xeira dos Martes Saudables

O edificio Xurídico-Empresarial acolleu a primeira das sesións
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

A sexualidade, protagonista da nova xeira dos Martes Saudables

Este martes arrancou no edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense unha nova xeira dos Martes Saudables, iniciativa destinada a fomentar a saúde integral da comunidade universitaria. Ao longo do seu percorrido polos tres campus da Universidade de Vigo durante este primeiro cuadrimestre, as persoas interesadas poderán realizar neles unha avaliación da súa saúde e do seu estilo de vida e recibir información e recomendacións sobre como mellorala. “Trátase de mellor os hábitos de vida da comunidade universitaria para contribuír ao seu benestar integral”, comentou Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense.

“Os Martes Saudables veñen celebrándose desde hai anos e este curso dámoslle continuidade no marco da nosa aposta por traballar por un campus saudable, inclusivo e sostible”, destacou Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, na súa visita aos postos. “Os Martes Saudables gozan de moi boa saúde, son xa unha cita consolidada no noso calendario, e agardamos que este cuadrimestre continúen colleitando bos resultados”, engadiu Rodrigo Alberte Pivida, que fixo fincapé en animar á comunidade universitaria a aproveitar a oportunidade que ofrece esta iniciativa para mellorar a súa calidade de vida.

Alimentación, enfermaría, deporte e sexualidade

Os postos, explicou pola súa banda Guillermo Santos, coordinador dos Martes Saudables, manteñen a estrutura de bloques temáticos das anteriores edicións. Así, as persoas que se achegaron a eles este martes, e as que se achegarán nas próximas sesións, tiveron a posibilidade de coñecer a oferta deportiva que teñen na Universidade de Vigo, para enriquecer a súa vida académica, o seu tempo de ocio e a súa saúde integral, e puideron realizar diversas probas de enfermaría, entre as que están a identificación do grupo sanguíneo e a medición da tensión, do índice de masa corporal e da capacidade respiratoria. Tamén puideron no apartado de alimentación analizar a calidade da súa dieta, como mellorala e se a súa autopercepción corporal se corresponde coa realidade, entre outras moitas cuestións.

Entre estes contidos, este cuadrimestre os Martes Saudables fan especial fincapé nos contidos referidos á sexualidade. “Cada cuadrimestre eliximos un tema ao que se lle dedica especial atención e nesta ocasión escollemos sexualidade”, apuntou Guillermo Santos. Coordinando este apartado está a profesora Yolanda Rodríguez, do grupo de investigación Sexualidade, Saúde e Xénero. “Participamos en todas as edicións pero este cuadrimestre temos un protagonismo destacado nos Martes Saudables”, comentou a profesora, que lembra como neste eido “hai moitísimo máis descoñecemento do que poidamos pensar”.

No apartado de sexualidade dos Martes Saudables, explicou Yolanda Rodríguez, un educador social con formación específica no eido da sexualidade traballa coa comunidade universitaria sobre tres eixes. O primeiro deles é o dos conceptos relacionados coa identidade, a orientación sexual e o sexo e o segundo o de saúde sexual, facendo fincapé nos métodos preventivos e anticonceptivos tanto masculinos coma femininos e nas infeccións de transmisión sexual. Por último tamén se aborda neste apartado a cuestión do pracer, dedicando especial atención ao pracer feminino e ao clítoris. Completando este contido tamén se informa á comunidade universitaria sobre as medidas de prevención do acoso sexual ou por razón de sexo que ten a Universidade de Vigo.

Máis citas

Á falta de pecharse as datas e lugares de celebración nos campus de Vigo e Pontevedra, tras esta sesión no edificio Xurídico-Empresarial, os Martes Saudables continuarán no campus de Ourense o 30 de outubro no Edificio de Ferro; o 13 de novembro na Escola Universitaria de Enfermaría; o 27 de novembro no edificio Politécnico e o 11 de decembro na Biblioteca Rosalía de Castro, onde se levará a cabo o peche do cuadrimestre. Todas as sesións son en horario de mañá, salvo a de Enfermaría, que se desenvolverá pola tarde.

En cada edición dos Martes Saudables, sinalan desde a súa organización, mestúranse públicos con demandas moi diferentes, desde as persoas que queren facer unha consulta específica ata as que prefiren facer un percorrido por todas as seccións. “Cada vez son máis as persoas que cuadrimestre tras cuadrimestre veñen para ver a súa evolución, para contrastar os seus datos dunha edición a outra”, comenta Guillermo Santos. Entre estes últimos está un grupo de estudantes que acode cada cuadrimestre aos Martes Saudables no marco dun estudo que se está facendo co obxectivo de coñecer a súa evolución ao longo dos anos.