A situación sociolingüística da ex-Iugoslavia, antes e despois da guerra

Repasou a evolución dos idiomas das diferentes repúblicas balcánicas
Publicado por o día 10/12/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A situación sociolingüística da ex-Iugoslavia, antes e despois da guerra

En contextos de conflito ou confrontación, as linguas convértense ás veces en ferramentas de reafirmación cultural e identitaria e mesmo son empregadas e manipuladas artificialmente para fins políticas. Bo exemplo disto é a situación sociolingüística das seis repúblicas que naceron da ex-Iugoslavia: Bosnia i Hercegovina, Serbia, Croacia, Eslovenia, Macedonia e Montenegro, cuxa historia recente repasou este luns na Facultade de Filoloxía e Tradución a intérprete e tradutora croata Branka Oštrec. Profesora da Universidade de Zagreb, a investigadora está actualmente realizando a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo, baixo a dirección dos docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución Xoán Manuel Garrido e Óscar Ferreiro. No seu relatorio, organizado polo Programa de Doutoramento T&P, o título propio de ETIV e o Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional, abordou a situación sociolingüística tanto antes como despois da guerra da ex-Iugoslavia, “que non dos Balcáns, xa que este último é un territorio máis reducido e limitado”.

Branka Oštrec comezou lembrado que a antiga Iugoslavia era “unha construción plurinacional, plurilingüística e plurirrelixiosa, na que sempre tivemos clara a distinción entre cidadanía (iugoslava) e nacionalidade (croata, no seu caso), un concepto que semella incomprensible pero que nós tiñamos incluso diferenciado no pasaporte”. A profesora explicou que os cidadáns da ex-Iugoslavia eran croatas, bosníacos, montenegrinos, etc. “pero os únicos que, en certo modo, se podían identificar como iugoslavos eran os serbios”. A situación lingüística tamén era diferente nas repúblicas. Por unha banda existía o esloveno en Eslovenia e o macedonio en Macedonia e, por outra, o serbo-croata (tamén denominado croata ou serbio) era a lingua común no resto do territorio. Era unha lingua, lembraba a relatora, froito dunha aposta polo unitarismo lingüístico, “unha lingua dos serbios, croatas e montenegrinos que se desenvolveu arredor de dous centros, Zagreb e Belgrado, con dúas pronunciacións (ijekavica e ekavica) e en cuxo nome había que destacar ambas partes: serbio e croata”, aínda que deste plantexamento “quedaban fora os bosníacos”, apuntaba Oštrec. Era un nexo común que permitía unha comunicación fluída entre as diferentes repúblicas e, a pesar de que existen variacións fonéticas, e incluso léxicas, “esas diferencias non impiden unha comunicación exitosa entre os falantes”.

O antes e o despois

Ese era o punto de partida, pero tras a morte de Tito este territorio federal comezou a desmembrarse ata desembocar nas guerras dos Balcáns. Na súa intervención, Oštrec centrouse en analizar os diferentes escenarios antes e despois do conflito. Por exemplo, en Eslovenia e Macedonia conservaron as linguas oficiais tras a independencia, pero o serbo-croata resistía como idioma de prestixio. Pola contra, na actualidade o serbo-croata ten unha connotación negativa e xa non se emprega nin se ensina das escolas, só como materia optativa.

En Serbia tras a guerra, o serbo-croata pasa a denominarse unicamente serbio, desaparecendo tamén o alfabeto latino, antes co-oficial, e os dereitos das minorías lingüísticas nacionais. Polo demais, remarcaba a investigadora, “a lingua non sufriu cambios, porque Serbia non precisaba reafirmar a súa identidade a través do idioma”.

Noutra das repúblicas, Bosnia i Hercegovina, a situación era moito máis complexa, con cidadáns croatas, serbios e bosníacos, con diferentes idiomas, nacionalidades e relixións. Neste territorio coexistían as dúas variantes do serbo-croata e a igualdade entre ambos alfabetos. “Durante a guerra tratouse de equiparar identidade lingüística e identidade nacional e, na actualidade aínda quedan moitas cuestións por solucionar en Bosnia, como a existencia de unha ou varias linguas, o nome da lingua, a lexislación, etc.”

En Montenegro, pola súa banda, mantívose o status quo, pero o Ministerio de Educación optou por cambiar o nome lingua serbia para substituílo por lingua materna, de modo todo o alumnado pode decidir en que lingua estudar, elixindo entre as  catro nas que se desintegrou o serbo-croata (croata, serbio, montenegrino e bosníaco) e o albanés como lingua oficial.

Finalmente, en Croacia, país de orixe da relatora, a situación sociolingüística pasou por empregar o idioma para reafirmar a identidade nacional. A lingua pasou a chamarse croata e, a pesar de que os intentos de purificación da lingua foron rexeitados, segundo recoñece Oštrec, o croata foi tratando de diferenciarse cada vez máis dos estándares lingüísticos da contorna. De feito, na actualidade comeza a verse unha fenda entre as novas xeracións, que teñen “máis problemas de comprensión e comunicación entre o croata e o serbio, porque xa non expostos ás linguas dos outros”, concluía.