A Sociedade Española de Mecánica de Rochas premia unha tese viguesa

Presenta unha novidosa metodoloxía de grande utilidade para o protección do patrimonio xeolóxico

A Sociedade Española de Mecánica de Rochas acaba de outorgar o seu Premio anual á mellor tese de doutoramento, concedéndolle unha Mención Honorífica á investigación realizada polo investigador Ignacio Pérez Rey, defendida en 2019 na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e dirixida polo profesor Leandro Alejano, do grupo de investigación Explotación de Minas da Universidade de Vigo. Neste traballo, Study of the frictional behaviour of planar saw-cut rock surfaces towards a methodology for tilt testing and its application to case studies, Pérez Rey presenta, un estudo experimental dos factores que influencian o ángulo de fricción básico das descontinuidades rochosas, parámetro de especial relevancia á hora de analizar a estabilidade das obras, tanto a ceo aberto como subterráneas, executadas en macizos rochosos. A isto hai que engadir, ademais, que este traballo serviu de apoio para o desenvolvemento  dunha nova metodoloxía de grande utilidade no estudo da estabilidade de estruturas xeolóxicas, empregando como caso de estudo a coñecida Pena do Equilibrio de Ponteareas.

Unha investigación con forte respaldo internacional

“Que a tese recibira esta mención é para min un inesperado agasallo do que me alegro moito, pois fixemos un esforzo moi grande para poder realizar traballos comparativos en laboratorios de Portugal, España, Noruega e Turquía que serviron para propor un novo método suxerido a nivel internacional para realizar ensaios de inclinación cos que obter o ángulo de fricción ou atrito básico de descontinuidades en rocha, base para os cálculos de estabilidade dos noiros”, explica o director da tese, que este ano está a gozar dun ano sabático na Escola de Minas de Golden en Colorado (Estados Unidos), onde o pillou toda a crise provocada pola COVID-19.

Para o autor da tese, o redondelán Ignacio Pérez Rey, recibir esta mención “supón unha grande honra, xa non só como recoñecemento ao meu traballo persoal, senón tamén a algo moito máis importante, que é a gran cantidade de esforzo colaborativo que hai detrás dela”, salienta o investigador, facendo así fincapé no traballo conxunto realizado con diferentes laboratorios internacionais, así como con múltiples investigadores do campus e co equipo da doutora Carmen Serra, do CACTI. “A discusión científica que existe detrás da tese non sería posible sen a gran cantidade de persoas que me axudaron a seguir cara adiante e que achegaron cadanseu grao de area”, insiste Pérez Rey, quen na actualidade traballa como investigador do Centro de Estudios y Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) en Madrid, un organismo público de vangarda que proporciona apoio multidisciplinar en enxeñaría civil, edificación e medio ambiente, tanto a administracións e institucións públicas como a empresas privadas.

A Pena do Equilibrio de Ponteareas serviulles de modelo de estudo

Desde o punto de vista do seu autor, a principal contribución da tese é que pode axudar, por unha banda, a ter un criterio relativamente uniforme á hora de estimar un parámetro relevante no cálculo de estabilidade de noiros e que, a pesares de ser conceptualmente sinxelo, pode variar moito se non existe unha guía para a súa determinación, algo que se materializou coa publicación do Suggested Method da ISRM (Sociedade Internacional de Mecánica de Rochas e Enxeñaría de Rochas); e, por outra banda, a investigación achega un “avance interesante”, aproveitando a tecnoloxía dispoñible, en canto á valoración da estabilidade de estruturas xeolóxicas (como pode ser a Pena do Equilibrio) e deixa a porta aberta non só ao estudo doutras estruturas, senón tamén a ser aplicado noutros eidos, como a protección do patrimonio xeolóxico.

“Esta metodoloxía aproveita a información que se pode recuperar, en forma de nubes de puntos (coordenadas do espazo), a partires de medidas realizadas cun dispositivo tipo láser escáner, en combinación con fotografías dixitais tomadas desde un drone”, apunta o investigador. Con dita información, é posible construír un modelo da estrutura xeolóxica en si e aplicar certas técnicas clásicas de análise no eido da mecánica de rochas para estudar a súa estabilidade. “Aproveitando a impresión 3D e a información das nubes de puntos fabricamos un modelo a pequena escala para poder estudalo no laboratorio”, recalca Pérez Rey.

Como modelo de estudo elixiu a Pena do Equilibrio porque “probablemente represente unha das estruturas máis sorprendentes, desde o punto de vista da estabilidade, para calquera persoa que a observe, proveña ou non do eido da mecánica das rochas. Ademais, xeomorfoloxicamente é un lugar privilexiado, e atópase a escasos quilómetros do campus, polo que a súa visita é obrigada”.

Preocupante fuga de cerebros no eido da explotación mineira

O autor da tese incorporouse ao CEDEX a finais do pasado ano. Alí dedícase, principalmente, á investigación no eido da mecánica de rochas, cun foco particular nos ensaios de laboratorio. “Unha das liñas de desenvolvemento trata de implementar o control e monitorización dos ensaios mediante a aplicación de tecnoloxías de baixo custo, como poden ser Arduino ou Raspberry Pi”, explica o investigador. El elixiu quedar en España, pero tivo tamén a oportunidade de continuar a súa carreira investigadora en Suecia, un aspecto que non pasa desapercibido para o profesor Leandro Alejano. “Fico coa magoa que, de nove teses dirixidas, a maior parte dos meus alumnos de doutoramento están fóra da terra, en Arxentina, Chile, Barcelona, dous en Madrid…”, explica Alejano, quen lamenta que “ao fin os fondos da comunidade e a universidade financian a formación de investigadores que non ten saída no mercado galego e que acaban converténdose en refuxiados económicos en lugares onde si lle dan oportunidades, cousa que aquí non acontece”.

 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM